“HAI ACUMULACIÓNS DE LIXO EN TRES PUNTOS DIFERENTES DESTA ZONA, O CONCELLO É COÑECEDOR, MAIS NON SE POÑEN SOLUCIÓNS” DIXO RUBÉN ARROXO
O BNG-AA denuncia a existencia de vertedoiros de lixo na zona da Garaballa
Segundo o voceiro do BNG “o problema dos vertedoiros súmase á suciedade acumulada nas beiras a av. Duquesa de Lugo e ao vertido de augas fecais no río Rato”
Lugo, 9 de abril 2018. O BNG-AA ven de denunciar a existencia de vertedoiros incontrolados no entorno do Centro Comercial As Termas, na zona da Garballa. Rubén Arroxo visitou, con veciños da zona, ata tres puntos nos que se acumula lixo e escombros e que xa foron denunciados en diversas ocasións. “Hai acumulacións de lixo en tres puntos diferentes desta zona, o concello é coñecedor, mais non se poñen solucións” dixo Rubén Arroxo. O voceiro do BNG-AA sinalou “sabemos que o concello xa está a facer traballo para a eliminación deste tipo de vertedoiros pero entendemos que hai que intensificar o control e os efectivos, sobre todo nestes puntos que son coñecidos e nos que se da este fenómeno de xeito reiterado”.
Segundo o voceiro do BNG “o problema dos vertedoiros súmase á suciedade acumulada nas beiras a av. Duquesa de Lugo e ao vertido de augas fecais no río Rato”. O BNG denunciou recentemente o estado de abandono do entorno da av. Duquesa de Lugo pola cantidade de lixo que se acumula nas beirarrúas e tamén, o voceiro Rubén Arroxo, se reuniu a pasada semana con veciñas e veciños da Garaballa que veñen sufrindo, dende fai anos, os cheiros provocados pola contaminación do río Rato na súa parte alta.