PARA O BNG-AA ESTASE A MODIFICAR O TRAZADO DO CAMIÑO PRIMITIVO, PATRIMONIO DA HUMANIDADE, SEN CONTAR CON NINGUÉN
O BNG-AA denuncia a sinalización enganosa do Camiño Primitivo na zona do Carme
“Non sabemos se o goberno municipal estaba ao tanto desta modificación do trazado que, entendemos, ven imposta dende a Xunta” dixo Rubén Arroxo
Lugo, 26 de xuño 2017. O voceiro do BNG-AA, no concello de Lugo, denunciou hoxe que “recentemente foron instaladas sinais do Camiño Primitivo no barrio do Carme que levan aos peregrinos por unha vía que nada ten que ver co trazado do Camiño”. Ademais da nova sinalización fíxose unha modificación do camiño en canto ao pavimento. Arroxo cualificou de “inexplicable” o feito de que se faga esta sinalización por uns camiños que nada teñen que ver co trazado histórico, nin oficial do Camiño Primitivo. Ningún experto considera como un trazado do Camiño os carreiros que se sinalizaron e que “sen dúbida” van levar á confusión a moitas persoas que pasarán pola nosa cidade neste verán.
“Descoñecemos de quen foi responsabilidade a colocación desta nova sinalización, pero si sabemos que é competencia da Xunta velar polo noso patrimonio material e inmaterial” aseverou Arroxo que pediu “un explicación ou modificación desta sinalización e que se indentifique a quen executou a colocación das sinais”. Arroxo tamén anunciou que presentará unha serie de preguntas no concello de Lugo para saber se o goberno municipal era coñecer desta nova sinalización.
Arroxo advertiu que o Camiño Primitivo foi distinguido como Patrimonio da Humanidade e este tipo de actuacións poderían motivar a intervención da UNESCO “por que realmente estase desvirtuando e desviando o trazado do Camiño Primitivo ao paso pola cidade de Lugo”. Arroxo resalgou a necesidade de “vixiar, protexer e manter entre todas as institucións” o Camiño Primitivo.