ARROXO ANUNCIOU “IMOS PROPOÑERLLE Á ALCALDESA UN PLAN DE INFORMACIÓN POLAS PARROQUIAS PARA QUE A XENTE SAIBA A ONDE DIRIXIRSE SE SABEN DALGÚN PUNTO DE ACUMULACIÓN DE LIXO”
O BNG – AA levará ao pleno do concello unha proposición para pedir a erradicación dos vertedoiros incontrolados
Para o BNG – AA “é necesario adoptar solución prácticas e evitar enredos burocráticos que fan que o rural de Lugo se converta nun macro-vertedoiro descontinuo”
Lugo, 11 de outubro, 2016. O BNG - AA levará ao pleno da corporación, deste mes de outubro, unha proposición para reclamar un plan de erradicación dos vertedoiros incontrolados de lixo que proliferan no rural do municipio. Para o BNG – AA “é necesario adoptar solucións prácticas e evitar enredos burocráticos que fan que o rural de Lugo se converta nun macro-vertedoiro descontinuo”. Arroxo sinalou que “mesmo hai vertedoiros en espazos nos que o concello xa ten instalado sinalización prohibindo o depósito de lixo e advertindo de que a infracción será denunciada”.
Rubén Arroxo explicou que “no plano teórico existe unha solución sinxela que é chamar ao 010, mais a falta de coordinación da alcaldía co resto das concellerías impide que na práctica se executen as limpezas dos puntos denunciados” e engadiu “para efectivizar a limpeza dun vertedoiro ten que haber un informe da policía, despois a concellería tramita o expediente e a empresa URBASER é a encargada de executar a limpeza, pero este procedemento pode chegar a demorarse varios meses pola falta de coordinación e atención da equipa de goberno”.
Arroxo anunciou que “dende o BNG imos traballar durante este ano para que estes vertedoiros desaparezan e conseguir que Lugo volva ser o espazo limpo que ten que ser”. A presentación desta iniciativa ao Pleno Municipal enmarcase dentro da campaña que o BNG-AA iniciou e que se prolongará ata que “o goberno se poña a traballar e asuma a súa responsabilidade de eliminar os puntos de acumulación de lixo que se estenden por case todas as parroquias do concello”.
Plan de información no rural
Arroxo anunciou “imos propoñerlle á alcaldesa un plan de información polas parroquias para que a xente saiba a onde dirixirse se saben dalgún punto de acumulación de lixo”. Para o BNG – AA é fundamental contar coa colaboración das veciñas e veciños que viven no rural “por que son os que coñecen todas as pistas e corredoiras nas que é habitual que aparezan os vertedoiros incontrolados”. Dende o goberno municipal deberíase establecer contacto cos pedáneos e cos presidentes das comunidades de montes e poñer os medios dos que dispón o concello a disposición dun plan de erradicación de vertedoiros que sexa sostible e con continuidade no tempo.