PARA RUBÉN ARROXO “A ALCALDESA DEBERÍA ESTAR CHEGANDO A ACORDOS COS PROPIETARIOS DE TERREOS PRIVADOS QUE NON TEÑEN USO PARA CONVERTELOS EN APARCADOIROS DISUASORIOS”
O BNG-AA pídelle ao goberno municipal que traballe para converter os terreos baleiros en aparcadoiros
“Fai pouco permitiuse a instalación dun circo con animais nun terreo privado e entendemos que crear aparcadoiros ten que ser moito máis sinxelo” dixo Arroxo
Lugo, 28 de setembro, 2016. “Coa montaxe das infraestruturas do San Froilán e o peche do espazo do hospital de San Xosé, temos un grave problema de carencia de aparcadoiros” dixo Rubén Arroxo que apostou, unha vez máis, pola creación de aparcadoiros disuasorios en terreos privados que están situados en lugares con gran demanda para o estacionamento de vehículos. O voceiro do BNG lembrou que esta proposta xa foi presentada en numerosas ocasións pola formación que representa e aprobada por unanimidade no pleno do mes de febreiro “e a pesares desto o goberno municipal non fixo absolutamente nada”.
"a alcaldesa debería estar chegando a acordos cos propietarios de terreos privados que non teñen uso para convertelos en aparcadoiros disuasorios”
Para Rubén Arroxo “a alcaldesa debería estar chegando a acordos cos propietarios de terreos privados que non teñen uso para convertelos en aparcadoiros disuasorios” e sinalou “xa trasladamos unha proposta concreta para converter seis terreos, que suman un total de 13.000 metros cadrados e poderían albergar cun deseño óptimo uns 500 vehículos, en aparcadoiros”. As ubicacións propostas polo BNG – AA darían solución aos problemas de aparcamento do centro da cidade e a zonas que neste momento teñen saturadas as prazas de aparcamento existentes.
Para o BNG-AA “o do aparcamento en Lugo ten fácil solución se hai vontade política de facelo” mais “parece que este goberno non está afeito a tomar decisións para solucionar os problemas reais da xente”. Arroxo advertiu que “nestes vindeiros días a situación agravarase ao comenzar as festas do San Froilán e tras o peche do aparcadoiro do Hospital de San Xosé”. A situación das prazas de aparcadoiro na cidade de Lugo require dunha revisión estrutural, Rubén Arroxo dixo que “non se trata de sancionar nin prohibir, trátase de adiantarse ao problema antes de que xurda e aplicar solucións que son posibles e que xa o teñen demostrado noutras localidades”.
Circo e aparcadoiros
“Fai pouco permitiuse a instalación dun circo con animais nun terreo privado e entendemos que crear aparcadoiros ten que ser moito máis sinxelo” dixo Arroxo. O voceiro do BNG-AA dixo que “a alcaldesa declarou fai poucos días que, en contra dun acordo plenario, se vía obrigada a permitir a instalación dun circo con animais na pza. de Augas Férreas” e engadiu “entendemos que o PSOE debería utilizar a lexislación a favor de solucionar os problemas que ten a cidade non, unicamente, como escusa para tapar as súas incompetencias”.