ARROXO DIXO “QUEREMOS QUE O GOBERNO MUNICIPAL ACLARE CAL É A PERDA REAL DE AUGA NA REDE DE SUBMINISTRO POR QUE PODE SER CRUCIAL PARA O FUTURO DA CIDADE”
BNG-AA preguntará polas reservas de auga para a cidade de Lugo e polas perdas estimadas de máis dun 40%
“En Lugo a situación aínda non é preocupante e non queremos ser alarmistas, pero debemos ser responsables aplicar medidas para o futuro” afirmou Rubén Arroxo
Lugo, 29 de novembro de 2017. O voceiro do BNG-AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, presentou unha serie de preguntas para “coñecer cal é a situación real do ciclo da auga no concello de Lugo e cales son as previsións de actuación en casos de seca prolongada como a que se ven de producir este ano”. Arroxo sinalou que “é agora o momento de empezar a tomar medidas cara anos vindeiros e non agardar a que se produzan os problemas de abastecemento para, despois, botarse ás máns á cabez e ter que tomar medidas de urxencia como está a suceder noutros lugares do país”.
“Temos noticia de que as perdas de auga dende que sae da potablizadora poderían ser de ata un 40 % e queremos que o goberno aclare cales son as diferencias reais entre a cantidade de auga que se bombea e a cantidade de auga que se factura nos contadores” dixo Arroxo e engadiu que “a boa xestión da auga potabilizada é fundamental para evitar problemas no futuro”. Lugo está considerada como unha das cidades nas que máis auga se derrocha, de feito e segundo informacións publicadas, no concello de Lugo recóllense do río Miño máis de 5 hectómetros cúbicos/ano do que está previsto no plan hidrolóxico actual, siendo a dotación bruta prevista polo Concello de 350 litros ao día por habitante e a da Confederación Hidrográfica Miño-Sil de 230, diferencia significativa que impide unha óptima xestión.
Ademais da xestión da auga como un ben necesario, un dos maiores desfases económicos existentes no concello de Lugo corresponde á diferencia entre gastos e ingresos na xestión do ciclo da auga. A pesares de que é certo que sempre existe unha porcentaxe de perdas por filtracións e fugas no caso do concello de Lugo a deficiente xestión leva a unhas perdas difíciles de explicar. En xaneiro de 2016 anunciáronse, no transcurso do pleno, medidas para mellorar e modernizar o control do consumo de auga. Entre as medidas anunciadas estaba o reforzo da brigada municipal de augas para facer as tarefas de mantemento da rede, a revisión da xestión de abonados e a realización dunha nova cartografía da rede “mais a día de hoxe non temos noticia de que esto se está a executar” afirmou Arroxo.