NESTE MOMENTO NON PODEN ACCEDER Á CALZADA DA PONTE, ENTRE A RONDA DO CARME E A N-VI, VEHÍCULOS DE MÁIS DE 2 METROS DE ALTURA
O BNG-AA propón unha vía de servizo paralela á N-VI para garantir o acceso á Calzada da Ponte
“O ideal é conectar a Calzada coa rotonda do Centro Comercial, mais neste momento pódese arranxar o camiño que une a Calzada coa Cheda” dixo Arroxo
Lugo, 20 de xuño 2017. Ediles do BNG-AA visitaron a Calzada da Ponte para coñecer a problemática que ten a veciñanza da zona cando precisan que acceda algún vehículo de emerxencias ou transporte que supere os dous metros de altura. Rubén Arroxo sinalou que “existe un tramo da calzada da ponte, entre a ronda do Carme e a N-VI, no que é practicamente imposible o acceso de vehículos con máis de 2 metros de gálibo”. Esta limitación de altura é derivada dos pasos elevados da ronda do Carme e da N-VI sobre a Calzada da Ponte.
Para o BNG-AA existen dúas solucións posibles, unha máis sinxela que sería de aplicación inmediata e que consistiría en unir a Calzada da Ponte co acceso ao barrio da Cheda a través dun camiño de terra que xa existe, “habería, unicamente, que arranxar o firme e asfaltar este camiño” dixo Rubén Arroxo que lembrou “o BNG xa propuxo esta actuación en outras ocasións por que tamén daría sulución ao acceso ao Anxo Carro os días de partido do CD Lugo”.
“O ideal é conectar a Calzada coa rotonda do Centro Comercial, mais neste momento pódese arranxar o camiño que une a Calzada coa Cheda” dixo Arroxo fixo fincapé en que “a solución óptima non é obstáculo para que se dea unha solución inmediata e compatible para atallar esta situación de incomunicación”. Rubén Arroxo reclamou que o Concello promova os acordos necesarios co Ministerio de Fomento para dar solución a este problema.
O voceiro do BNG-AA adiantouse á posible resposta do goberno municipal e dixo “seguramente o goberno socialista nos dirá que a solución está nos fondos EDUSI, pero unha cousa non ten nada que ver coa outra por que o arranxo do camiño que une a Calzada co acceso da Cheda é un investimento moi baixo que solucionaría un problema real de veciños e veciñas”. O arranxo deste víal daría solución á saída de vehículos dende a Calzada da Ponte que na actualidade teñen que incorporarse a N-VI.