MAITE FERREIRO LEMBROU QUE “NON SE FIXO NADA A RESPECTO DA ORDENANZA REGULADORA DE PUBLICIDADE EXTERIOR NO QUE TEN A VER COS ACORDOS DO FORO DE IGUALDADE”
O BNG-AA traslada ao Foro de Igualdade os incumprimentos do goberno municipal no relativo á publicidade machista
A edil nacionalista denunciou o incremento da publicidade sexista na época do nadal e sinalou que, en Lugo, “hai publicidade que da a entender; que en determinados lugares; se poden adquirir mulleres a prezo de saldo”
Lugo, 15 de decembro 2016. A edil do BNG-AA, Maite Ferreiro, anunciou que o BNG trasladou ao foro de igualdade os incumprimentos reiterados do goberno local en relación coas propostas do Foro de Igualdade relativas á ordenanza reguladora da publicidade exterior. Ferreiro dixo que “non se fixo nada a pesares dos pronunciamentos plenarios e do propio Foro de Igualdade no que atinxe á publicidade sexista e machista que se pode ver en moitos puntos deste concello”. Ferreiro lembrou que “a pesares de que no ano 2013 se chegou a presentar un borrador, os gobernos socialistas deste concello foron incapaces de concluír unha ordenanza reguladora da publicidade exterior que poida poñer veto a todas as barbaridades que se ven nas rúas de Lugo día tras día”.
Maite Ferreiro criticou a falta de coordinación entre as diferentes concellerías do goberno local asegurando que “neste goberno municipal a man dereita non sabe o que fai a man esquerda” Ferreiro lamentou que non se utilicen os resortes dos que dispón o propio concello para “avanzar en promover a igualdade a través dunha ferramenta que chega a todas as persoas como é a linguaxe”. Ferreiro lembrou que o propio concello editou, fai uns cantos anos, un manual para o uso de linguaxe non sexista e que conta cun servizo de asesoramento lingüístico e da propia casa da muller “mais este ano voltamos a ver documentos municipais pragados de expresións que ignoran absolutamente a linguaxe non sexista”.
No mes de setembro do ano 2013 o BNG propuxo, no Foro de Igualdade do concello de Lugo, que o goberno regulase a publicidade para que non se denigrase a imaxe da muller. Ademais, segundo lembrou Maite Ferreiro, o Pleno municipal aprobou, cos votos en contra do PP, unha proposición do BNG que incluía o mandato ao concello de elaborar unha ordenanza reguladora da publicidade que garantise que non se poida denigrar a imaxe da muller, nin empregala como reclamo publicitario. A edil nacionalista remarcou que “a inclusión destas cuestións nunha nova ordenanza suporá un traballo eficaz no control do uso da imaxe da muller como reclamo” e “evitariamos ter que soportar a exiestencia de cartelóns de publicidade, á entrada do concello de Lugo, onde o corpo da muller se utiliza como reclamo e se da a entender que en determinados lugares se poden adquirir mulleres a prezo de saldo”.