RUBÉN ARROXO: "A POBOACIÓN NON PODE ESCOLLER CANDO ENFERMAR, TEÑEN QUE CONTAR CON SERVIZO DE ATENCIÓN PRIMARIA NO SEU CENTRO DE SAÚDE "
O BNG acompaña á veciñanza de Nadela ante un novo intento de peche do Centro de Saúde por parte da Xunta de Galiza
Rubén Arroxo: "A poboación non pode escoller cando enfermar, teñen que contar con servizo de atención primaria no seu centro de saúde "
O portavoz do BNG afirmou que a situación de Nadela "responde á estratexia do PP de desmantelar a sanidade pública"
08 xul. 2024 - 08:40
Lugo, 05 de xullo de 2024. O portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, acompañado pola deputada no Parlamento Galego Montserrat Valcárcel, mantiveron unha xuntanza coa veciñanza de Nadela ante un novo intento da Xunta de Galiza de pechar o Centro de Saúde co comezo da temporada de verán. Arroxo afirmou que "é preciso que a Xunta manteña o servizo de atención primaria neste Centro de Saúde que atende a máis de 700 persoas". Para o portavoz do BNG, "a Xunta en vez de aportar solucións está a forzar á veciñanza a facer desprazamentos innecesarios a outro centro de saúde, en moitos casos, persoas maiores e con problemas de mobilidade".
Para Rubén Arroxo, "non prestar un servizo esencial como é a atención primaria merma a calidade do noso sistema sanitario". O BNG apoiou ás veciñas e veciños de Nadela desde o inicio das súas mobilización en reclamación dun servizo de atención primaria digno. "Ano tras ano as veciñas e veciños de Nadela chegan ao verán sen saber se volverán contar con atención no seu centro de Saúde ou se a Xunta do PP vai deixar de prestar atención sanitaria ás máis de 700 persoas usuarias deste centro", afirmou Rubén Arroxo.
O BNG trasladará ao Parlamento de Galiza a situación da veciñanza de Nadela e das outras parroquias atendidas neste centro. "A poboación non pode decidir que día enferma", explicou Rubén Arroxo, que engadiu "a atención primaria é o punto de entrada da veciñanza no sistema sanitario, un par clave para o sistema, que na actualidade está pasando por unha situación límite debido á precarización do servizo por parte da Xunta".
O BNG critica que a Xunta de Galiza pretend pechar o centro "nun proceso de desmantelamento da sanidade pública", e defende o dereito da veciñanza a poder asistir ao seu médico cando o precise.