“QUEREMOS QUE TODAS AS VECIÑAS E VECIÑOS COÑEZAN AS INSTALACIÓNS QUE O PSOE, COS SEUS LIOS NA DEPUTACIÓN, LLES NEGA” DIXO XOSÉ GÓMEZ
O BNG anima a visitar a Residencia de Maiores de Castroverde
Gómez lamentou que “unhas instalacións que foron feitas para Castroverde solo serven para alimentar conflitos políticos internos do PSOE”
Castroverde, 25 de febreiro de 2019. O voceiro do BNG no concello de Castroverde, Xosé Gómez, animou a todas as veciñas e veciños a visitar as instalacións da residencia de maiores “de casualidade enterámonos que hai dúas persoas para ensinar as instalacións pero desto solo se informa a algunhas persoas e non á totalidade das veciñas e veciños que teñen dereito a coñecer estas instalacións que foron feitas con cartos públicos, inauguradas nas pasadas eleccións municipais e agora usadas para facer campaña electoral outra vez”.
“Queremos que todas as veciñas e veciños coñezan as instalacións que o PSOE, cos seus lios na Deputación, lles nega” dixo Xosé Gómez e engadiu “por un lado estase abrindo a residencia para ensinala e por outro lado a Deputación e SUPLUSA seguen alimentando os seus conflitos para evitar que se poidan abrir”. Para visitar a residencia pódese acudir directamente ao edificio ou dirixirse a SUPLUSA para concertar cita e así poder coñecer unhas instalacións que “foron feitas para Castroverde pero solo serven para alimentar conflitos políticos internos do PSOE”.
O BNG continuará denunciando “o despropósito” no que se converteu unha instalación necesaria pero que tivo unha “xestión nefasta”. O edificio foi inaugurado no ano 2015 e nunca se puxo en funcionamento. Agora, na antesala dunhas eleccións municipais, volve a falarse da residencia pero a realidade é que ningunha persoa que a precisa pode utilizala.