O BNG APOIA A MANIFESTACIÓN CONVOCADA PARA O 1 DE XUÑO CONTRA A TROIKA
Esta mobilización está convocada por entidades e movementos sociais e celebrarase nas cidades e vilas galegas
O BNG opúxose no 1986 á entrada na CEE, denunciamos no 1992 o Tratado de Maastricht e pedimos abertamente, no 2005, o voto en contra no referendo sobre o Tratado para a Constitución Europea
Lugo, a 28 de maio de 2013. O BNG apoia a convocatoria de mobilización prevista para o día 1 de xuño baixo o lema Pobos contra a Troika. Estas manifestacións, convocadas por entidade e movementos sociais, celebraranse en diferentes cidades e vilas galegas e en Lugo sairá do Parque de Frigsa, ás 12:00 do sábado 1 de xuño. O BNG foi sempre profundamente crítico coa Unión Europea, un proxecto que careceu desde os seus comezos dunha perspectiva social e política a favor das maiorías sociais e dos dereitos dos pobos e que, pola contra, se ergueu unicamente como espazo para a ampliación e consolidación dos mercados.
O BNG opúxose no 1986 á entrada na CEE, denunciou no 1992 o Tratado de Maastricht e pediu abertamente, no 2005, o voto en contra no referendo sobre o Tratado para a Constitución Europea. Do Mercado Común Europeo á Comunidade Económica Europea á actual Unión Europea, esta Europa que se vende como única posibilidade para o progreso e o benestar foi simplemente iso, un mercado ao servizo da grande banca e do grande capital, a estrutura que adopta no noso continente o capitalismo globalizado. denunciou desde o comezo o que ía supoñer: unha política económica letal para o desenvolvemento endóxeno dos diversos pobos e unha política monetaria ao servizo do capital financeiro, desentendida das diverxencias socioeconómicas reais que ía enxendrar ou agravar.
O tempo deulle a razón ao BNG. Hoxe, con tantos motivos coma sempre pero con máis evidencias ca nunca sobre o papel da UE, é preciso responder desde a rúa, de forma ampla e plural, ás políticas que desde Bruxelas nos impoñen o empobrecemento social e a eliminación de dereitos. Non queremos renunciar ás nosas vidas e ao noso futuro por causa dos dogmas desta Europa neoliberal. Facermos fronte ás políticas impostas pola UE e aplicadas na Galiza e no Estado polo PP é a única maneira de garantirmos posibilidades reais de democracia, traballo e benestar para as nosas sociedades.
O BNG chama a participar desta mobilización europea dos pobos contra a Troika desde o convencemento de que é preciso darmos unha resposta galega e popular ao roubo da banca, da UE e do PP. Cómpre poñer nas mans do pobo e dos gobernos as decisións políticas, hoxe secuestradas polos mercados. Cómpre gañarmos soberanía para poder tomar decisións políticas en función dos intereses e necesidades das maiorías sociais. E cómpre rompermos a dependencia económica e a subordinación política de Galiza para garantir o noso desenvolvemento económico, social e cultural. Precisamos e queremos defender as nosas vidas, o noso futuro.