O BNG LEVOU AO CONGRESO O USO INDISCRIMINADO DE HERBICIDA NAS ESTRADAS ESTATAIS

O BNG LEVOU AO CONGRESO O USO INDISCRIMINADO DE HERBICIDA NAS ESTRADAS ESTATAIS

Recentemente as estradas de acceso a Lugo foron “abrasadas” con herbicidas químicos

O BNG pregúntalle ao ministerio polos criterios de uso deste tipo de aplicacións

Lugo, 24 de maio de 2013. A deputada do BNG Rosana Pérez presentou no congreso dos deputados unha serie de preguntas relativas á utilización xeralizada de herbicidas por parte do Ministerio de Fomento como método de eleminación da vexetación nas beiras das estradas de titularidade estatal. O BNG demanda do Ministerio de Fomento información sobre os criterios utilizados á hora da aplicación de herbicidas nos diferentes tramos das estradas e, tamén, pola posibilidade de utilizar medios mecánicos para a eliminación da vexetación espontánea.

Recentemente as estradas de acceso a Lugo foron “abrasadas” con herbicidas químicos e a concelleira nacionalista, Paz Abraira, criticou esta actuación e manifestou a preocupación do BNG polas consecuencias destes tratamentos químicos. Paz Abraira sinalou que “estamos vendo como aos agricultores se lles poñen miles de problemas mentres que o ministerio de Fomento aplica estes herbicidas de xeito indiscriminado sen importar a existencia de vivendas, de cultivos ou de cursos de auga”.

O BNG lembra que son moitos os colectivos ecoloxístas e organizacións agrarias que levan anos e anos denunciando estas prácticas. A utilización masiva de herbicidas ten gravísimos efectos sobre a saúde das persoas e tamén dos animais. Abraira lembrou a problemática existente no mundo da apicultura onde miles de abellas están morrendo pola contaminación provocada polos herbicidas.

Outro dos perigos destas aplicacións indiscriminadas de herbicidas son as filtración destas sustancias aos cauces de auga a través do arrastre polas augas pluviais que recollen as cunetas das estradas. A aplicación destes produtos provocan lóxica preocupación entre a poboación xa que moitas das estradas estatais onde se aplican atravesan zonas densamente poboadas e zonas do casco urbán dos concellos.

O control da vexetación con herbicidas incrementa, tamén, o perigo de incendios ademais de deteriorar considerablemente a imaxe da cidade en zonas cun importante valor paisaxístico e medioambiental.

O BNG LEVOU AO CONGRESO O USO INDISCRIMINADO DE HERBICIDA NAS ESTRADAS ESTATAIS