O REGULAMENTO DE SUXESTIÓNS E RECLAMACIÓNS DEBE SER MÁIS TRANSPARENTE E ACCESIBLE Á XENTE
O BNG presentou unha dúcia de propostas para mellorar o funcionamento da comisión de suxestións e reclamacións do concello de Lugo
Dotar a comisión de máis autonomía, soberanía, independencia, transparencia e tratar de que sexa útil para a xente
Lugo, a 19 de xuño de 2013. O BNG ven de presentar unha serie de emendas para mellorar a proposta de modificación do regulamento orgánico municipal, do concello de Lugo, na parte que afecta ao funcionamento da Comisión de Suxestións e Reclamacións. Antón Bao explicou que o BNG, a través das súas emendas, pretende dotar a esta comisión de máis autonomía, soberanía, independencia, transparencia e obxectividade. Segundo explicou o voceiro do BNG un dos puntos clave é que nesta modificación se pretendía que a comisión non tratase aqueles asuntos que afecten á valoración da xestión política municipal.
A Oficina de Atención ao Cidadá, que se encarga da xestión de todo o relacionado coa Comisión de Reclamacións e Suxestións, do concello de Lugo, ten acadado, no seu funcionamento, un certificado de calidade. Este certificado, que debe de manterse, e precisa dunha continua medición dos parámetros de funcionamento desa Comisión de Suxestións e Reclamacións. Bao resaltou a importancia de que todos os veciños e veciñas que queiran presentar algunha queixa ou facer algunha suxestión deben de contar cun procedemento áxil e eficaz para a súa presentación e resolución.
Segundo informou Antón Bao a empresa encargada de manter o certificado de calidade ten indicado en reiteradas ocasións que o concello debía de proceder a unha modificación do regulamento de funcionamento da comisión para mellorala nos procedementos que executa. O BNG presentou unha serie de emendas dirixidas a mellorar a proposta de modificación realizada polo goberno municipal. Bao dixo que as emendas do BNG teñen por obxectivo garantir aos veciños e veciñas de Lugo que todo o que teñan que criticar e aportar ao funcionamento do concello sexan recibidas e examinadas.
Entre as emendas presentadas o BNG considera que a Comisión Especial de Suxestións e Reclamacións debe exercer as súas funcións con obxectividade e independencia de criterio respecto aos órganos superiores do Goberno Local e dos órganos directivos da Administración Municipal, non estando suxeita nas súas atribucións a instrucións ou mandato imperativo de ningún outro órgano. Outra das emendas vai encamiñada a que neste regulamento se inclúan todos os organismos e empresas dependentes da Administración Municipal que ata o de agora non estaban incluídas. Outras das emendas van dirixidas a que a propia comisión e o Pleno estén enterados, en todo momento, das suxestión e reclamacións presentadas, incluidas aquelas non foron admitidas a trámite por conter algún defecto de forma.
Queixas á xestión política municipal
Antón Bao fixo especial fincapé nunha limitación, que incluía o texto orixinal da modificación, a respecto daquelas queixas ou suxestións que afectaban á valoración da xestión política. Bao sinalou que creemos que as suxestións e queixas non teñen que estar unicamente restrinxidas á xestión administrativas. O BNG propón que se elimine calquera restrición que afecta á liberdade dos veciños e veciñas para presentar queixas e suxestións.