ANTONIO VEIGA PIDE A XOSÉ MANUEL BARREIRO QUE EXPLIQUE AS CONTAS DO PARTIDO POPULAR DE LUGO
Os nacionalistas advirten ao presidente dos populares lucenses que canto máis tempo tarde en dar respostas maior será a incertidume entre os cidadáns
Se o señor Barreiro pensa que o problema minimízase estando calando e facendo que pareza que o asunto non vai con él, está equivocado
Lugo, 13 de agosto de 2013. O deputado nacionalista e vicepresidente da Deputación Provincial, Antonio Veiga, urxe ao presidente do Partido Popular lucense, Xosé Manuel Barreiro, a dar explicacións sobre a financiación da súa organización.
As contas do Partido Popular en Madrid non son as únicas que están baixo sospeita, senón que tamén o están as do Partido Popular en Galiza, xa que foron xestionadas durante anos por un dos principais implicados na trama Gürtel, Pablo Crespo, e dúas das construtoras que doaron diñeiro negro ao PP, segundo aparece nos papeis de Bárcenas, participaron nunha adxudicación irregular en Portos de Galiza no 2004, o que deixa en evidencia que o presidente dos populares galegos e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mentiu cando afirmou que a trama Gürtel deixara de operar en Galiza en 1.999.
Para os nacionalistas tamén a contabilidade do Partido Popular de Lugo está baixo sospeita en canto se están a investigar adxudicacións de actuacións na provincia vinculadas ao medio ambiente na etapa na que Xosé Manuel Barreiro ocupaba o cargo de conselleiro de Medio Ambiente, e empresas relacionadas directamente coa consellería de Medio Ambiente e con organismos dependentes da mesma como, Espina&Delfín, Cortizo, Copasa e Tecomsa, que aparecen nos papeis do ex tesoureiro do Partido Popular. Ademais, o actual presidente dos populares de Lugo formaba parte da dirección do PPdeG cando en 2006 recibiu 1,8 millóns de euros en doazóns presuntamente ilegais.
Antonio Veiga advirte a Xosé Manuel Barreiro que canto máis tempo tarde en ofrecer explicacións sobre como se financia a súa formación, maiores serán as dúbidas ao respecto e maior a incertidume entre os cidadáns, os cales cada vez son máis esixentes no que á transparencia na vida pública se refire e esa transparencia require ofrecer información e pór datos enriba da mesa. Se o señor Barreiro pensa que o problema se minimiza estando calado e facendo que pareza que o asunto non vai con el, está equivocado.