O BNG DENUNCIA A OBRIGADA SUBIDA DE TAXAS NOS SERVIZOS DE AXUDA E COMIDA NO FOGAR

O BNG DENUNCIA A OBRIGADA SUBIDA DE TAXAS NOS SERVIZOS DE AXUDA E COMIDA NO FOGAR

Antón Bao lembrou que a Xunta de Galiza obrigou aos concellos a reducir estas prestacións sociais o cal repercutirá na vida de moitas persoas

Lugo, 27 de agosto de 2013. O BNG expresou, por boca do seu voceiro no concello de Lugo, o seu desacordo coa subida de taxas no Servizo de Centro de Día, no Servizo de Axuda no Fogar e no Servizo de Comida no Fogar no concello de Lugo. Este incremento no prezo é debido á imposición, por decreto, do goberno do partido popular na Xunta que obrigou aos servizos sociais de todos os concellos a incrementar o importe das taxas que se viñan aplicando.

Bao explicou que a modificación e actualización da Ordenanza Fiscal que regula as taxas pola prestación do Servizo de Centro de Día, pola prestación Servizo de Axuda no Fogar e pola prestación Servizo de Comida no Fogar non só suporá un incremento nas taxas senon que ademais implica cambios nos criterios de adxudicación. Un dos cambios con maior repercusión é o referido no cambio de criterio no cálculo dos ingresos no que substitúe a consideración da renda da persoas físicas polo criterio de renda da unidade familiar.

Antón Bao dixo que “nun momento de crise económica no que os servizos sociais deberían ser reforzados, por que son fundamentais, o PP obriga aos concellos a ir no sentido contrario”. O cambio nos criterios que regulan a concesión das axudas e o incremento nas taxas suporán, segundo Bao, que “moitos lucenses verán como se reducen, para eles, as axudas que recibían no ámbito dos servizos sociais”.

O BNG DENUNCIA A OBRIGADA SUBIDA DE TAXAS NOS SERVIZOS DE AXUDA E COMIDA NO FOGAR