O BNG LEVARÁ UNHA MOCIÓN, AO CONCELLO DE LUGO, EN DEFENSA DOS PENSIONISTAS RETORNADOS DA EMIGRACIÓN
Antón Bao dixo que mentres os cargos do PP cobran sobresoldos grazas aso que defraudan, deciden castigar aos que honestamente gañaron os seus salarios tendo que irse traballar fóra da terra
Emigrantes retornados vense obrigados, pola facenda española, a pagar en 10 días impostos correspondentes a 5 anos con importes próximos aos 15.000
Lugo, 31 de agosto de 2013. O BNG levará ao pleno do concello de Lugo unha moción para instar ao goberno do estado a adopción de medidas urxentes encamiñadas a anular todos os expedientes sancionadores instruídos pola Axencia Estatal Tributaria e que se lles notificaron a lucenses beneficiarios/as de pensións no estranxeiro por non tributaren por estas cantidades nos exercicios a partir do ano 2008, tendo en conta o absoluto descoñecemento que tiñan desta obriga tributaria. O BNG pedirá, tamén, que se inicie unha campaña de información a todas as persoas afectadas das súas obrigas tributarias futuras, anulando os requirimentos relativos aos exercicios comprendidos entre os anos 2008 e 2012. Ademais tamén se demandará do goberno do estado español a revisión dos convenios marco con outros países para evitar que situacións deste tipo poidan volver a producirse no futuro.
O voceiro do BNG, Antón Bao, acusou ao PP de amnistiar aos defraudadores millonarios e castigar aos traballadores honrados. Bao engadiu que mentres os cargos do PP cobran sobresoldos grazas aso que defraudan, deciden castigar aos que honestamente gañaron os seus salarios tendo que irse traballar fóra da terra. Antón Bao fixo referencia ás persoas que emigraron a Suíza e dixo que uns escondían o diñeiro en Suíza mentres outros traballaban duro alí para poder vivir, agora estes son os perseguidos polo PP.
Moitos/as lucenses emigrantes, xa de retorno e en idade de xubilación, son beneficiarias/os de pensións que perciben de estados estranxeiros. Este colectivo recibiu ao redor da última campaña tributaria requirimentos da Axencia Tributaria para que declaren as cantidades percibidas durante o ano 2008 en concepto de pensións no estranxeiro, coa finalidade de proceder á regularización ou no seu caso formulación da declaración sobre o imposto das persoas físicas correspondente ao exercicio de 2008. Requirimentos que se estenden a anos posteriores até a actualidade.
Antón Bao sinalou que Resulta máis que sorprendente que, cinco anos máis tarde, reciban este tipo de requirimentos por parte da Axencia Tributaria, coa advertencia dunha posíbel sanción por non teren cumprido con obrigas tributarias que descoñecían ou mesmo, non son de aplicación. E cando os evasores fiscais se benefician de amnistías, constitúe unha auténtica inmoralidade a simple ameaza dunha sanción a estas persoas, traballadores e traballadoras emigrantes retornadas.
Todos os emigrantes que reciben pensións de dous estados e que teñen uns ingresos superiores a 11.200 anuais están recibindo requirimentos polos ingresos recibidos dende o ano 2.008. Os pensionistas que somentes cobran pensións do estado español non están obrigados a tributar se os seus ingresos non superan os 22.000 anuais. Este mecanismo recadatorio foi posto en marcha polo Ministerio de Facenda a principios deste ano 2.013.
O BNG presentou iniciativas no Parlamento Galego pedindo que se revogen os expedentes de cobro xa iniciados así como a anulación dos expedentes sancionadores. Outra das demandas dos nacionalistas van contra o cobro abusivo de intereses de demora por parte da Axencia Tributaria Española. O BNG solicitará, do Goberno español, unha modificación da Lei para garantir a igualdade de trato para os emigrantes retornados.