O PP É O ÚNICO RESPONSÁBEL DA CRISPACIÓN DA XENTE
Dende o BNG condenamos calquera acto violento ou vandálico pero non imos aceptar leccións nin censuras de ninguén e menos do Sr. Jaime Castiñeiras dixo Antón Bao
Dende o BNG pedironlle ao voceiro do PP que devolva a parte alícuota do diñeiro fraudulento que, a través do Sr. Bárcenas, ingresaron os cargos do PP
Lugo, 4 de setembro de 2013. O voceiro do BNG, Antón Bao, saíu ao paso das declaracións do representante do PP no concello de Lugo e dixo que o PP é o único responsábel da crispación da xente. Bao pediu que para evitar a crispación do Sr. Castiñeira o que pode facer é devolver a parte alícuota do diñeiro fraudulento que, a través do Sr. Bárcenas, ingresaron os cargos do PP. Dende o BNG consideramos que o PP pretende calar e impedir a liberdade de expresión e, polo tanto, impedir o debate político, neste caso no pleno do concello de Lugo. Para Antón Bao trátase dunha escalada coa que pretende agochar que a crispación esta creando o PP, encabezado en Lugo por Jaime Castiñeiras, atentando continuamente contra a sociedade e contra os traballadores.
Dende o BNG condenamos calquera acto violento ou vandálico afirmou Bao e engadiu que non imos aceptar leccións nin censuras de ninguén. Bao recomedoulle a Jaime Castiñeiras que que modere as intervencións dos seus concelleiros por que non nos van calar a boca e, como dixo o Sr. Castiñeiras hai actitudes políticas que animan determinados comportamentos. Bao considera que no PP séntense incómodos no debate político e ideolóxico democrático e por iso pretenden criminalizar á sociedade para facela calar.
O PP está estrangulando á xente coas decisións que toma o goberno da Xunta de Galiza e o goberno do estado e agora atópanse enfrente coas persoas paradas, afectadas polas preferentes, afectadas polos impostos ás pensións da emigración, afectadas polos recortes no ensino, no benestar social e na sanidade pública. Antón Bao dixo que estamos asistindo á elevación do tono neo-franquista por parte do partido popular. Para o BNG hai actitudes franquistas, que están aflorando no PP, e aireadas polas súas novas xeracións, o alcalde de Baralla, e as súas continuas manifestacións. Todo esto indica que lles gostaría volver a eses tempos.