O BNG Asambleas Abertas lamenta que se vete a participación no pleno do colectivo Masa Crítica
Os grupos do PSOE, PP e Lugonovo posicionáronse en contra da intervención de colectivos de este tipo no pleno da corporación
Resulta sorprendente que todas as mensaxes de participación que se lanzan dende algunhas forzas políticas queden anuladas pola realidade na primeira solicitude de intervención neste mandato dixo Rubén Arroxo
Lugo, 21 de xullo 2015. Rubén Arroxo manifestou hoxe a súa sorpresa, tras a celebración da xunta de portavoces, pola actitude mantida polos grupos do PSOE, PP e Lugonovo que se posicionaron en contra da intervención do colectivo Masa Crítica no pleno da corporación. O voceiro criticou a doble cara da alcaldesa que o domingo afirmaba na prensa que apostaba polo dialogo e o luns veta a un colectivo que solicitou en tempo e forma participar no máximo órgano de representación que teñen as veciñas e veciños de Lugo.
Para o voceiro do BNG-Asembleas Abertas resulta sorprendente que todas as mensaxes de participación que se lanzan dende algunhas forzas políticas queden anuladas pola realidade na primeira solicitude de intervención. Para o BNG non é de recibo que non se considere a opinión dun grupo que leva máis de sete anos traballando a prol do uso da bicicleta na cidade e que se lles impida manifestar as súas propostas ante as forzas políticas representadas na corporación.
A proposta que o colectivo Masa Crítica presentou, a través do documento rexistrado polo BNG Asembleas Abertas, estaba a de converter a cidade en "Zona 30", outra das propostas vai dirixida a crear un carril-bici transversal que una Garabolos co Campus, a través da Avenida de Madrid, Ramón Ferreiro e Avenida da Coruña. Outro dos carriles-bici que se propoñen na iniciativa é para unir a Avenida Infanta Elena co Ceao e a rúa Paradai. Ademais proponse a creación de aparcadoiros de bicicletas, cubertos e vixiados nos diferentes barrios de Lugo ademais da recuperación do servizo de préstamo de bicicletas.
O voceiro do BNG Asembleas Abertas como outros colectivos interviron no pleno da corporación e citou, entre outros, Á Plataforma que defendeu a implantación de servizos no HULA, a Comunidade Educativa nas Mercedes, os Afectados polas Preferentes, etc... Arroxo manifestou que se trata dun retroceso no referente á participación da xente e con esta actitude Lugo non avanza e todos perdemos.
Incumprimento do PSOE
Arroxo lembrou que entre os puntos que o PSOE aceptou cando acordamos apoiar a investidura da alcaldesa figuraba literalmente: Non se vetará a participación e intervención de colectivos e entidades que, en tempo e forma, soliciten presentar iniciativas ante os diferentes órganos municipais e acusou ao PSOE de incumprir os compromisos aos que chegou co BNG para obter o apoio necesario para acadar a alcaldía.