O BNG-Asembleas Abertas propón liberar de tráfico a ronda de Muralla o martes 22 de setembro
O vindeiro martes celébrase o día internacional sen coches, e os nacionalistas apostan por darlles aos lucenses a posibilidade de gañar un espazo que agora é dos coches
Rubén Arroxo afirmou que con este xesto o goberno municipal ten a oportunidade de amosar o seu compromiso co avance na humanización efectiva da cidade
Lugo, 18 de setembro de 2015. O voceiro do BNG Asembleas Abertas, Rubén Arroxo, presentoulle ao goberno municipal unha proposta para que o martes, 22 de setembro, se libere a ronda da Muralla da circulación de vehículos a motor. Arroxo lembrou que o 22 de setembro se celebra o día internacional sen coches e sinalou que é a oportunidade para darlles aos lucenses a posibilidade de gañar un espazo que agora é dos coches.
Rubén Arroxo afirmou que con este xesto o goberno municipal ten a oportunidade de amosar o seu compromiso co avance na humanización efectiva da cidade e engadiu que non se debería perder esta oportunidade para comprobar, unha vez máis, como é posible que a ronda da Muralla sen converta nun espazo para as persoas.
O voceiro do BNG Asambleas Abertas dixo que poucas cidades europeas se permiten ter un monumento. Patrimonio da Humanidade, de 2.000 anos de antigüidade rodeado por vehículos a motor. Para o BNG Asambleas abertas o proceso de peonalización ten que ser un proxecto de cidade no que todas e todos estemos implicados e apostemos con valentía polo futuro de Lugo.
Arroxo destacou as numerosas felicitacións que recibiu de numerosos cidadáns e de representantes de colectivos que amosaron a súa determinación para contribuír a que nun futuro non moi lonxano a Muralla de Lugo teña o espazo que se merece e se vexa rodeada unicamente das persoas que a visitan.