RUBÉN ARROXO DIXO “O BNG SEMPRE APOSTOU POR CREAR OS HORTOS URBÁNS MUNICIPAIS NA ZONA DE ABELLA, A OPCIÓN DO PARQUE DE PAXARIÑOS NON TEN XEITO”
Para o BNG – Asembleas Abertas a ubicación dos hortos urbanos nos Paxariños é moi cuestionable
Lugo, 21 de decembro de 2016. Rubén Arroxo lembrou que a proposta inicial, feita polo BNG, para a creación de hortos urbanos era para instalalos na zona de Abella. Arroxo afirmou que “a opción de Paxariños non é a mais axeitada” e explicou que “nas inmediacións xa están os hortos do Rato e os de Paradai, mentres que na zona norte da cidade non existen dotacións deste tipo” e engadiu “o terreo de Paxariños ten unha pendente considerable que, segundo expertos na materia, non o fai recomendable para instalar os hortos urbanos”.
O terreo no que se anunciou hoxe a posta en marcha dos hortos urbáns conta cunha elevada pendente ademais de estar orientada cara o este o que non fai aconsellable a súa utilización para os hortos. Os terreos son unha zona de recheo na que o solo tampouco é o máis aconsellable para unha boa produción hortícola ademais de estar situado nunha zona arbórea que dificulta o crecemento das plantas. Rubén Arroxo tamén lembrou a oposición veciñal a esta actuación que xa se manifestou publicamente.
Segundo lembrou Rubén Arroxo esta foi unha das propostas do BNG acordadas co PSOE para a aprobación dos orzamentos municipais dende o ano 2013 e “que este ano, unha vez máis, figurou nos orzamentos do concello de Lugo” dixo Rubén Arroxo. “O dos hortos urbanos foi outro dos incumprimentos do goberno sobre os orzamentos deste ano 2016 e xa fora un incumprimento en anos anteriores” sinalou Arroxo e engadiu “presentase o proxecto agora a finais de ano pero a realidade é que no 2016 Lugo non tivo hortos urbáns municipais”.
A zona onde os nacionalistas consideran que se pode implementar esta actuación é a zona norte da cidade, en concreto nos terreos dotacionais situados nas inmediacións do instituto de Casás e que lle corresponden ao concello polo desenvolvemento urbanístico da zona. Rubén Arroxo recalcou que “desta maneira se lograrían unhas magníficas zonas verdes fronte a maleza e o lixo que actualmente cubre boa parte destes espazos”.