O BNG está “atento e vixiante” ante a creación do xulgado de violencia de xénero en Lugo
Grazas á presenza do BNG no acordo de investidura, Lugo contará con este servizo fundamental para loitar contra as violencias machistas
Elvira Lombao, responsábel da comisión de acción feminista do BNG “é unha obriga que Lugo conte canto antes con este xulgado”
Lugo, 26 de maio 2022.- Trala xuntanza de seguimento do acordo de investidura celebrada onte en Madrid entre o deputado do BNG, Néstor Rego, e membros do PSOE, o Bloque Nacionalista Galego na Comarca de Lugo amósase “atento e vixiante” no cumprimento do acordo para a creación do xulgado de violencia de xénero en Lugo.
“Esta foi unha das demandas que o BNG impulsou no acordo de investidura do Goberno do Estado, tras un periodo longo de traballo realizado con campañas de mobilización social e nas institucións para acadar este xulgado específico” declarou Elvira Lombao, responsábel nacional da comisión de acción feminista do BNG.
Elvira Lombao valorou de forma “positiva” a xuntanza de seguimento do acordo de investidura respecto á creación deste xulgado especifico, no que destacou “continuaremos atentas, vixiantes e insistentes en que se cumpra este acordo acadado co BNG, é unha obriga que Lugo conte canto antes con este xulgado”.
O BNG considera que este servizo debe estar enfocado na comarcalización, no que se acolla todos os casos que se produzan en Lugo. Así, facendo posíbel unha atención próxima ás vítimas e reducir a perturbación que o proceso xudicial implica.