ARROXO: "HAI MÁIS DE 4 ANOS DESDE O TRASLADO DE ASPNAIS ÁS NOVAS INSTALACIÓNS, 4 ANOS NOS QUE VIMOS MOITOS ANUNCIOS POR PARTE DA XUNTA PERO NINGÚN FEITO"

O BNG buscará o acordo do Pleno do Concello para reclamar á Xunta que de uso ao antigo edificio de ASPNAIS na Rampa de Claudio López

Arroxo: "Hai máis de 4 anos desde o traslado de ASPNAIS ás novas instalacións, 4 anos nos que vimos moitos anuncios por parte da Xunta pero ningún feito"

 

O BNG presentou unha proposición ao vindeiro pleno municipal onde defenderá a posta en funcionamento deste edificio, rematando co abandono das instalacións

 

O BNG buscará o acordo do Pleno do Concello para reclamar á Xunta que de uso ao antigo edificio de ASPNAIS na Rampa de Claudio López

 

Lugo, 19 de marzo de 2024. O Portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que defenderá no vindeiro pleno unha proposición para que a Xunta de Galiza poña en funcionamento o antigo edificio de ASPNAIS, ubicado na Rampa de Claudio López. Arroxo afirmou que "o estado deste edificio é un exemplo da relación da Xunta con Lugo, o abandono total tanto da cidade como destas instalacións que están chamadas a ter un importante peso na prestación de servizos sociosanitarios".


ASPNAIS trasladou a súa sede no ano 2020, deixando este edificio sen actividades. O edificio, titularidade da Xunta de Galiza, actualmente atópase baleiro, deteriorándose debido á ausencia de actividade. Nos últimos 4 anos, a Xunta anunciou varios proxectos para executar nestas instalacións, dende albergar unha residencia para a terceira idade ata a cesión a colectivos sociais. "Pasaron xa 4 anos e vemos como a Xunta só fixo anuncios, pero ningunha destas propostas se volveu realidade", aifrmou Arroxo, que engadiu "Lugo e a súa contorna teñen unha gran necesidade de servizos sociosanitarios públicos, e a Xunta ten abandonada unha instalación que podería acollelos".

O 17 de novembro de 2020, a Xunta anunciou unha unha cesión dese edificio a AFALU (Asociación de familiares de enfermos de alzheimer e outras demencias neurodexenerativas de Lugo) e ALUME (Asociación Lucense pola recuperación e a integración das persoas con trastornos mentais), onde se aseguraba que con esta cesión se crearía unha residencia asistencial e un centro de día para persoas con alzhéimer, ademais dun centro de rehabilitación psicosocial e laboral, unha unidade de atención temperá, outra para a atención de trastornos de personalidade e un obradoiro de xardinería. "4 anos despois vemos como aínda non se materializou esta cesión e as distintas asociacións non puideron poñer os seus proxectos en marcha", afirmou Rubén Arroxo.

O BNG buscará o acordo do Pleno do Concello para reclamar á Xunta que de uso ao antigo edificio de ASPNAIS na Rampa de Claudio López