O BNG en Castroverde presenta a campaña Contra a suba de prezos. Fagámonos valer!
Membros do BNG da localidade realizaron un reparto de información desta campaña na feira
A concelleira do BNG, Iria Castro “informamos á veciñanza de Castroverde as medidas urxentes que o BNG está desenvolver para paliar esta situación”
Castroverde, 27 de marzo de 2022.- O Bloque Nacionalista Galego en Castroverde presentou á veciñanza da localidade a campaña Contra a suba de prezos. Fagámonos valer! mediante un reparto de información na feira.
O BNG vén de pór en marcha esta campaña contra a suba xeneralizada dos prezos, a que está asfixiar a sociedade galega. Por isto, a organización frontista impulsou un decálogo de medidas nas institucións orientadas a paliar esta grave situación, como por exemplo, a intervención do sector eléctrico, o incremento de salarios e pensións ou a protección do sector agro-gandeiro.
Ademais, o BNG convoca para o vindeiro 3 de abril en Compostela, unha manifestación nacional para exixir, de forma urxente, que actúen os gobernos tanto da Xunta como do Estado para frear esta situación insoportábel. Partirá desde a Praza 8 de Marzo-Porta do Camiño ás 12 da mañá.
A concelleira do BNG en Castroverde, Iria Castro, sinalou “ante a grave situación que estamos a vivir todas as galegas e galegos, informamos á veciñanza de Castroverde as medidas urxentes que o BNG está desenvolver para paliar esta situación”
Neste senso, a concelleira fixo fincapé en “hai alternativas e o BNG está á fronte, por isto, ante a negativa do goberno da Xunta como do Goberno de Estado en pór solucións, animamos á veciñanza a mobilizarse o día 3 de abril en Compostela para esixir que se tomen medidas xa”