O BNG de Castroverde propón que se celebre un pleno extraordinario para tomar medidas nesta crise
A voceira do BNG, Iria Castro, resaltou que é preciso tomar medidas para pór freo aos efectos da crise producida polo COVID-19
Castroverde, 16 de abril de 2020.- A voceira do BNG en Castroverde, Iria Castro, presentou un escrito á alcaldía na que se amosa a vontade que a organización nacionalista ten en tender a man para paliar os efectos da crise sanitaria do COVID-19.
Deste xeito, a voceira nacionalista propón un pleno extraordinario na que se amosen diferentes medidas, como por exemplo, axudas de emerxencia a todas aquelas familias que o precisen, desenvolver plans de carácter fiscal a través de aprazamentos, fraccionamentos ou condonacións de impostos, taxas ou recibos na que se apliquen en función da situación de cada persoa ou empresa, ou artellar plans de reactivación económica no eido municipal.
No mesmo sentido, propón que á alcaldía proporcione medidas de comunicación coa oposición a través de xuntas de portavoces para saber o estado da situación en Castroverde. O Concello de Castroverde posúe ferramentas para poder facer este tipo de xuntanzas de maneira telemática, tras aplicación do estado de alarma polo goberno estatal, como se están a celebrar noutras localidades do país.
Iria Castro declarou “cremos que é tempo de unidade para poñer freo a esta pandemia, pero tamén cremos que entre todas e todos temos que amosar parte das medidas que poñan freo a crisis xerada polo coronavirus, moitas veciñas e veciños xa están a notar os efectos económicos”
Neste sentido recalcou a voceira municipal do BNG “termos informadas da situación do noso concello é vital para poder establecer un traballo rigoroso e efectivo para que esta crise non sexa aínda máis dura para o futuro da nosa veciñanza”