O BNG chama á veciñanza de Lugo a participar na mobilización de SOS Sanidade Pública
Rubén Arroxo afirmou que “precisamos un sistema público de saúde reforzado e sen precariedade”
A mobilización terá lugar o vindeiro domingo, 12 de febreiro, a partir das 12:00 en Compostela
09 feb. 2023 - 14:22
Lugo, 09 de febreiro de 2023. O BNG chama á veciñanza de Lugo a participar na mobilización convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Galega (SOS Sanidade Pública) para este domingo, 12 de febreiro, que partirá ás 12:00 da Alameda de Compostela. O portavoz do BNG, Rubén Arroxo, afirmou que as galegas e galegos precisamos “un sistema público de saúde reforzado e sen precariedade, e non o sistema que nos deixa máis dunha década de gobernos do PP”.
Arroxo explicou que "é preciso dotar ao sistema público de saúde con máis recursos, tanto materiais como humanos, especialmente na atención primaria, que está a pasar por unha profunda crise", e engadiu "o persoal sanitario está a acoller unha gran carga de traballo o que reduce a calidade da atención".Segundo o concelleiro do BNG, é preciso garantir a mellor calidade posíbel nos servizos de atención primaria, "o punto de entrada da veciñanza no sistema sanitario". O BNG propón mudar a política que está a aplicar o goberno da Xunta de Galiza en materia sanitaria, "acabando coas políticas aplicadas nos últimos anos, reducindo a precariedade do Servizo Galego de Saúde", declarou Rubén Arroxo.
O BNG propón garantir a atención primaria presencial a toda a poboación galega, "unha atención primaria de calidade blindando a atención primaria e garantindo que todas as persoas que o precisen poidan asistir a unha consulta médica", afirmou Arroxo, que engadiu "a atención recibida ten que ser segura e de calidade, non ten que depender de a que centro de saúde ou con que profesional se atope cada persoa".