O BLOQUE PROPÓN DESTINAR 200 MILLÓNS DE EUROS PARA RECUPERAR OS SERVIZOS PERDIDOS TRAS 15 ANOS DE RECORTES NA SANIDADE PÚBLICA
O BNG da Fonsagrada celebra unha nova concentración pola defensa da atención primaria da vila
Actualmente só dúas médicas atenden a toda a veciñanza da Fonsagrada e Negueira de Muñiz, con case 4.000 persoas cunha elevada media de idade
O Bloque propón destinar 200 millóns de euros para recuperar os servizos perdidos tras 15 anos de recortes na sanidade pública
Lugo, 05 de febreiro 2024. O Bloque Nacionalista Galega volveu convocar aos veciños e veciñas da Fonsagrada a unha nova concentración en defensa da atención primaria no centro de saúde da vila, que atende aos concellos da Fonsagrada e Negueira de Muñiz.
Tras anos sen asumir as demandas da xente da Fonsagrada e facilitar os servizos de radioloxía ou fisioterapia sen ter que desprazarse ata Becerreá, os fonsagradinos e fonsagradinas teñen que soportar agora que rematen tamén coa atención primaria, ao eliminarse o médico compartido con Negueira de Muñiz, como xa se fixera antes co de Ribeira de Piquín.
A atención primaria foi o ámbito da sanidade que sufriu máis recortes, e as consecuencias, coa masificación de consultas, a falta de profesionais e os PACs ao límite, repercuten na vida diaria das galegas e galegos. Polo tanto, o BNG defende a atención primaria como porta de entrada ao sistema de sanidade público, mudando o modelo actual por un no que as persoas sexan o centro.
O BNG propón crear o Plan de Mellora da Atención Primaria, cunha partida de 200 millóns de euros para reforzar a porta de entrada á sanidade pública. É preciso aumentar o número de profesionais en todos os centros de saúde, e incorporar á atención primaria ao persoal de categorías imprescindibles, como psicoloxía clínica ou logopedia, para prestar unha atención integral.