Olalla Rodil anuncia un novo modelo de atención ás persoas maiores "que permita unha vellez digna na casa"
Nunha visita á vivenda comunitaria de Samos xunto coa alcaldesa do BNG, Chus López, Rodil afirmou que o BNG no Goberno da Xunta "reforzará o SAF e reducirá as listas de agarda para a valoración da dependencia"
Os servizos integraranse no Servizo Galego do Benestar, a proposta do BNG para "garantir a xestión pública dos servizos sociais, rematando coa privatización e mercantilización dos nosos pais e nais"
Lugo, 05 de febreiro de 2024. A cabeza de lista do BNG por Lugo, Olalla Rodil, visitou a vivenda comunitaria do concello de Samos xunto coa alcaldesa do BNG, Chus López, e a número 3 da candidatura, Montse Valcárcel. Olalla Rodil afirmou que "o modelo executado pola Xunta nos últimos 15 anos non fixo máis que empeorar a atención pública que reciben os nosos maiores, é a hora de dar un cambio á situación e apostar por un modelo que permita unha vellez digna na propia casa".
Rodil afirmou que un goberno do BNG porá en marcha un novo modelo de atención ás persoas maiores no que se dará prioridade aos coidados na casa, co fin de garantir "unha vellez digna, tranquila e activa". O modelo do BNG "fortalecerá e ampliará a rede de servizos públicos para potenciar a autonomía persoal e prever a dependencia dende os coidados, facendo das residencias o último recurso", explicou a candidata.
Para o reforzo da atención no fogar, unha das principais medidas será fomentar actividades comunitarias para loitar contra a soidade non desexada, a través da participación social e o tecido asociativo, con programas de voluntariado e actividades de interxeracionais de lecer. "Os nosos maiores teñen unha gran aportación que facer ás xeracións máis novas", apuntou Olalla Rodil, que anunciou tamén a ampliación do servizo de Xantar na Casa "un servizo que chega actualmente a 2.000 persoas, e que permitirá tamén coidar a alimentación dos nosos maiores". Xunto con estas medidas, o BNG traballará para que cada comarca conte como mínimo cun centro de día.
Olalla Rodil afirmou que estes servizos se prestarán a través do Servizo Galego do Benestar, a proposta do BNG para "garantir a xestión pública dos servizos sociais, rematando coa privatización e mercantilización dos nosos pais e nais". A proposta do BNG consiste "nun sistema de xestión público, similar ao SERGAS, que garanta o acceso de toda a poboación aos servizos sociais". Consiste na creación dun só ente público que xestione as residencias de maiores, os servizos de axuda no fogar e os centros para persoas con discapacidade.
"Desde o goberno apostaremos por un un modelo público de coidado das persoas maiores, o PP leva 15 anos privatizando o benestar das nosas persoas maiores", afirmou Olalla Rodil, que engadiu "a partir do 18 de febreiro, co BNG á fronte da Xunta de Galiza, a atención ás persoas maiores dará un gran cambio, poñendo os coidados no centro e dando a todas as persoas a atención que precisan".
Olalla Rodil afirmou que "o vindeiro día 18 temos que saír a votar en masa, Galiza xógase o seu futuro e Lugo pode ser a chave para que teñamos un goberno que poña ás persoas no centro". A candidata do BNG asegurou que "a provincia de Lugo vai ser decisiva para permitir que siga gobernando o PP 4 anos máis ou abrir un tempo novo da man de Ana Pontón á fronte dunha Xunta de Galiza que traballe para mellorar o benestar de todas e todos os galegos".