O BNG TRASLADARÁ AO PARLAMENTO INICIATIVAS PARA IMPULSAR A CREACIÓN DE MÁIS PRAZAS DE EDUCACIÓN INFANTIL NA COMARCA DE SARRIA E MELLORAR A PRESTACIÓN DOS SERVIZOS ACTUAIS PARA PERMITIR QUE SE FIXE POBOACIÓN NO RURAL

O BNG defende en Samos servizos públicos de calidade no rural como garantía para fixar poboación

Denuncia que o goberno do Partido Popular na Xunta asfixia economicamente os concellos con competencias impropias como o SAF o que fai cada vez máis difícil desenvolver as que si lles corresponden

O BNG trasladará ao Parlamento iniciativas para impulsar a creación de máis prazas de educación infantil na comarca de Sarria e mellorar a prestación dos servizos actuais para permitir que se fixe poboación no rural

O BNG defende en Samos servizos públicos de calidade no rural como garantía para fixar poboación

 

 

 

Samos, 24 de xuño de 2025.- As deputadas do BNG no Parlamento galego, Olalla Rodil e Ariadna Fernández, mantiveron un encontro coa alcaldesa de Samos, María Jesús López e con representantes da comunidade educativa deste concello na que lles trasladaron algunhas das principais eivas que se atopan en materia de conciliación e tamén educativas.

Neste senso, a alcaldesa nacionalista denunciou o enorme esforzo económico que debe asumir o Concello de Samos para garantir recursos fundamentais de conciliación para as familias, como o de madrugadores, un servizo que prestan en colaboración coa ANPA do CEIP de Samos e que cada ano resulta máis complexo poder manter polas mudanzas que se introduciron no Plan Corresponsables.

Desde o BNG defendemos que sexa a Xunta de Galiza quen garanta a prestación deste servizo pois é o que permite ás familias poder compaxinar o seu traballo cos horarios escolares.

Así mesmo, desde a comunidade educativa tamén trasladaron algunhas das necisidades do centro derivadas fundamentalmente da falta de profesorado, especialmente aquel dirixido á atención de alumnado con necesidades educativas especiais. O CEIP de Samos dispón dun AL compartido co Concello de Triacastela e dunha orientadora que debe asumir tamén os centros de Triacastela, o CEIP Frei Luís e a Escola de Educación Infantil Xela Arias de Sarria.

É imprescindible dotar de recursos suficientes e de estabilidade os centros educativos do rural pois é a única maneira de garantir que se mantén poboación nestes concellos.

Queremos poñer en valor o enorme esforzo que fai o actual cadro docente, a comezar pola propia dirección do centro, que con moi poucos recursos e moitas dificultades está a desenvolver un proxecto educativo inclusivo e da máxima calidade.

Desde o BNG pedímoslle á Xunta de Galiza que, de cara ao curso 2025-2026, se dote o CEIP de Samos do profesorado necesario, especialmente para o estudantado con NEAE, así como que dote o centro dun servizo de orientación digno de tal nome que permita atender necesidades do alumnado.

O BNG defende en Samos servizos públicos de calidade no rural como garantía para fixar poboación