OLALLA RODIL: "ESIXIMOS Á XUNTA DE GALIZA QUE LLE ACLARE A VECIÑANZA DA COMARCA DE CERVANTES A SITUACIÓN NA QUE QUEDA ESTA COMARCA TRALO ANUNCIO DA FALLA DE PEDIATRA"
O BNG reuniuse coa veciñanza da comarca de Cervantes para esixirlle á Xunta de Galiza o restablecemento da pediatra no centro médico de Becerreá
Olalla Rodil: "Esiximos á Xunta de Galiza que lle aclare a veciñanza da comarca de Cervantes a situación na que queda esta comarca tralo anuncio da falla de pediatra"
Becerreá, 23 de xuño de 2025.- O Bloque Nacionalista Galego de Becerreá convocou á veciñanza a unha xuntanza este luns 23 de xuño diante do centro de saúde de Becerreá para valorar a situación dos servizos sanitarios tras detectarse que non hai pediatra para esta comarca.
Nesta xuntanza participaran xunto coa veciñanza da comarca de Cervantes os concelleiros de Becerreá, Ovidio Montaña e Martín Gómez , a responsabel local de Becerreá, Sabela Pérea e a deputada no Parlamento Galego polo BNG, Olalla Rodil.
A veciñanza da comarca de Cervantes trasladou ao Bng a súa preocupación pola situación na que vai quedar este centro de saúde trala falla de pediatra e o desprazamento que teñen que facer para ser atendidas ás crianzas ata o Hula.
As veciñas e os veciños desta comarca manifestaron que no caso de que a Xunta non se comprometa a manter o este servizo médico en Becerreá estudarán a convocatoria de mobilizacións. Olalla Rodil trasladoulle o seu apoio á veciñanza para manter este consultorio, "se for preciso mobilizarémonos para manter os servizos públicos fundamentais, evitando que a Xunta discrimine as persoas que viven no rural".
Dende o BNG demandamos un compromiso coa veciñanza pola eliminación do pediatra neste centro médico pois defendemos a sanidade pública de todo o país especialmente o da zona da montaña lucense pois supón unha merma na calidade asistencial dos concellos da montaña nunha zona xeográficamente moi extensa e na que as distancias se multiplican por razóns orográficas.