VOCEIROS DO BNG MANTIVERON XUNTO CON REPRESENTANTES DE NEGUEIRA DE MUÑÍZ UN ENCONTRO CO XERENTE DA ÁREA SANITARIA DE LUGO PARA RECLAMAR A COBERTURA DE TODAS AS PRAZAS
O BNG defende a sanidade pública nunha concentración diante do HULA
Voceiros do BNG mantiveron xunto con representantes de Negueira de Muñíz un encontro co xerente da área sanitaria de Lugo para reclamar a cobertura de todas as prazas
Actualmente, só 3 médicas atenden a toda a veciñanza da Fonsagrada e Negueira de Muñiz, case 4.000 persoas cunha elevada media de idade, e está prevista a xubilación doutro facultativo nos vindeiros meses
Lugo, 03 de xuño de 2024. O BNG da Fonsagrada celebrou unha concentración pola defensa do Centro de Saúde da vila no Hospital de Lugo, despois de varios meses realizando mobilizacións diante do centro de saúde da vila. Unha delegación do BNG da Fonsagrada con representantes do Concello de Negueira de Muñiz, mantivo un encontro co xerente da área sanitaria de Lugo, onde expuxeron a problemática da veciñanza da Fonsagrada e Negueira de Muñiz, preto de 4.000 persoas cunha media de idade moi avanzada, e que na actualidade só contan con 3 médicos no seu centro de saúde, mentres que un deles ten previsto xubilarse en breves, o que deixaría o centro de saúde con só dous facultativos. A xornada contou tamén coa mobilización de veciños e veciñas do Courel afectadas polos recortes en atención primaria.
O representante do BNG da Fonsagrada, Manuel Louxedo, afirmou que "a Xunta leva anos sen facer caso ás demandas das veciñas e veciños da Fonsagrada, que reclamamos a prestación de servizos como radioloxía ou fisioterapia sen ter que desprazanos ata Becerreá", e engadiu "é preciso tamén recuperar os 5 médicos cos que contabamos antes de que a Xunta deixase as prazas sen cubrir, para garantir unha atención de calidade a todas as veciñas e veciños".
A atención primaria foi o ámbito da sanidade que sufriu máis recortes, e as consecuencias, coa masificación de consultas, a falta de profesionais e os PACs ao límite, repercuten na vida diaria das galegas e galegos. "Desde o BNG defendemos a atención primaria como porta de entrada ao sistema de sanidade público, polo que é preciso mudar o modelo actual por un no que dar unha atención de calidade sexa o centro do servizo", afirmou Louxedo.