RUBÉN ARROXO ANUNCIOU QUE O BNG VÉN DE PRESENTAR UNHA PROPOSICIÓN AO VINDEIRO PLENO PARA REXEITAR UNHA CLASIFICACIÓN DADA POLA XUNTA DE GALIZA "QUE PERMITE REDUCIR Á METADE OS TRÁMITES ADMINISTRATIVOS DESTE PROXECTO"
O BNG defenderá no pleno de outubro que a Xunta retire a declaración de iniciativa empresarial prioritaria á planta de biometanización proxectada en Lugo
Rubén Arroxo anunciou que o BNG vén de presentar unha proposición ao vindeiro pleno para rexeitar unha clasificación dada pola Xunta de Galiza "que permite reducir á metade os trámites administrativos deste proxecto"
O BNG traballa desde todas as institucións para paralizar este proxecto "e garantir que non conte con financiamento público debido á súa gran afectación ao territorio"
Lugo, 16 de outubro de 2024. O portavoz do BNG e Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, xunto á deputada no Parlamento Galego, Montserrat Valcárcel, anunciaron que o BNG vén de rexistrar unha proposición para reclamar á Xunta que retire a clasificación de iniciativa empresarial prioritaria á planta de biometanización de proxectada en Coeses. Arroxo explicou que esta declaración permite "reducir á metade os trámites administrativos necesarios para a construcción desta planta", e engadiu "isto fíxose aínda cun proxecto que recoñece que emitirá cheiros e gases contaminantes á veciñanza da contorna".
Rubén Arroxo presentou a iniciativa nunha xuntanza con veciñas e veciños da zona, onde anunciou que o BNG seguirá traballando "desde todas as institucións para paralizar este proxecto nesta ubicación". O portavoz do BNG lembrou que xa se trasladaron iniciativas ao Parlamento Europeo "para evitar que esta planta reciba fondos da UE para a súa posta en marcha" e anunciou que a retirada do proxecto da listaxe de iniciativas prioritarias da Xunta se levará tamén ao Parlamento Galego da man do BNG.
A empresa recoñece no seu proxecto para a construcción da planta que emitirá cheiros e gases contaminantes e o verquido de 76,7 m³ de augas residuais ao regato de Vilalbite con posterior deprazamento ao río Miño. O tratamento destas augas foi considerado ineficiente por parte da CHMS, o que fixo que este proxecto fose informado desfavorablemente dado que este regato conta con pouco caudal de auga, especialmente nos meses estivais.
O pleno municipal xa aprobou por unanimidade unha proposta do BNG para instar á Xunta a que promova a paralización da planta. O BNG reclama, xunto coa veciñanza da zona, que se valore unha ubicación alternativa "que non afecte a ningún núcleo de poboación".