"DESDE A ÁREA DE CULTURA DO CONCELLO MANTEMOS UN ANO MÁIS O APOIO A TODO TIPO DE ARTES ESCÉNICAS, APOIANDO A ÚNICA PROGRAMACIÓN ESTABLE DE MÚSICA CLÁSICA DE LUGO", AFIRMOU MAITE FERREIRO
O Concello de Lugo acolle a presentación da tempada 2024 - 2025 da Sociedade Filarmónica de Lugo
"Desde a área de Cultura do Concello mantemos un ano máis o apoio a todo tipo de artes escénicas, apoiando a única programación estable de música clásica de Lugo", afirmou Maite Ferreiro
Celebraranse 10 concertos entre o 26 de outubro de 2024 e o 6 de xuño de 2025
A presentación contou coa presenza da deputada de Cultura, Iria Castro, xunto con representantes da directiva da Sociedade Filharmónica de Lugo
Lugo, 15 de outubro de 2024. Rubén Arroxo, Tenente Alcalde do Concello de Lugo, xunto coa Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro e Iria Castro, deputada de Cultura, participaron hoxe na presentación da nova tempada de concertos da Sociedade Filarmónica de Lugo. A nova tempada contará en total con 10 concertos que se celebrarán no Círculo das Artes entre o vindeiro 26 de outubro e o 6 de xuño do 2025.
Maite Ferreiro lembrou que "desde a área de Cultura continuamos coa nosa aposta firme pola realización de actividades culturais de calidade demostrada a nivel galego, estatal e internacional" e engadiu "o compromiso da sociedade Filarmónica por manter esta actividade xa consolidada no calendario cultural de Lugo".
A programación desta tempada conta con 10 concertos, achegando a Lugo a músicos destacados a nivel galego, estatal e internacional. Desde a Sociedade Filarmónica de Lugo cóntase coas tres agrupacións máis importantes de Galiza, con concertos da Real Filharmonía de Galiza, a Orquestra Sinfónica de Galiza, considerada a máis importante do estado en canto a calidade, ou a Orquestra Sinfónica Vigo 430.
Todos os concertos do ciclo terán lugar no Círculo das Artes de Lugo ás 20:00 h. A programación completa pode consultarse na web da Sociedade Filharmónica de Lugo.