UNHA CONCENTRACIÓN VECIÑAL TIVO LUGAR ESTE DOMINGO 22 DIANTE DO CONSULTORIO DE CASTRO DE REI
O BNG demanda a reapertura do consultorio de Castro de Rei
Unha concentración veciñal tivo lugar este domingo 22 diante do consultorio de Castro de Rei
Olga García, concelleira do BNG en Castro de Rei e Iria Castro, deputada na Deputación de Lugo coincidiron en lamentar que "o PP faga ouvidos xordos as demandas veciñais dende o goberno da Xunta"
Castro de Rei, 22 de setembro de 2024.- O Bloque Nacionalista Galego en Castro de Rei coa concelleira Olga García á cabeza, e co apoio da Deputada Provincial Iria Castro, volveu concentrarse coa veciñanza das parroquias afectadas polo peche do consultorio de Castro de Rei.
O consultorio de Castro de Rei leva todo o verán pechado e a veciñanza das parroquias afectadas teñen que desprazarse ata Castro Riberas de Lea para ter atención médica "a veciñanza das parroquias afectadas xa estan cansas de que o PP os ningunee, o servizo médico precisase durante todo o ano", declara Olga García.
A concelleira subliñou "é intolerábel que as veciñas e veciños deste concello non contemos con servizos sanitarios dignos, supón unha vulneración flagrante dos dereitos fundamentais da veciñanza afectada pois impide o seu acceso á sanidade pública e afonda nunha maior desigualdade da poboación de concellos rurais" e incidiu "o peche deste consultorio é unha decisión política, decisión da cal o goberno municipal é cómplice", pois non se esta tendo en conta que a veciñanza de Castro de Rei ten que desprazarse 20 km ata o centro de Castro de Ribeiras de Lea o cal tamén esta con servizos baixo mínimos".
O BNG de Castro de Rei xa presentou unha moción no pleno municipal para instar ao Sr. Alcalde a que se posicionara de lado da veciñanza e esixise á Xunta de Galicia a apertura deste centro, esta moción ía acompañada de 200 sinaturas recollidas polas parroquias afectadas. "O grupo municipal do PP votou en contra desta moción, está claro de parte de quen esta o Sr. Balado e a súa equipa", informa a concelleira nacionalista.