FERREIRO EXPLICOU QUE "SEGUIMOS TRABALLANDO PARA GARANTIR QUE SE PRESTEN SERVIZOS IMPORTANTES COMO AS ESCOLAS INFANTÍS OU OS COMEDORES ESCOLARES"
Maite Ferreiro visita a concellería de Educación xunto coa nova xefa de servizo
A concelleira afirmou que "a cobertura deste posto permitiranos mellorar a atención á veciñanza nesta área"
Ferreiro explicou que "seguimos traballando para garantir que se presten servizos importantes como as escolas infantís ou os comedores escolares"
Lugo, 23 de setembro de 2024. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, visitou as instalacións da Concellería de Educación e Difusión do Coñecemento onde recibiu á nova xefa de servizo, Beatriz Pérez, que vén de incorporarse recentemente a este servizo municipal. Ferreiro destacou que "a cobertura desta praza permitiranos mellorar a atención que prestamos á veciñanza e garantir que os procedementos da concellería de Educación e Difusión do Coñecemento se realicen do xeito máis rápido posible".
Maite Ferreiro lembrou que esta concellería xestiona "cuestións moi importantes para as familias, como os comedores escolares ou as Escolas Infantís Municipais", e engadiu, "estas escolas prestan un servizo integral de carácter social e educativo que atende todas as facetas da aprendizaxe, motricidade, control corporal, primeiras manifestacións da comunicación e da linguaxe, pautas elementais de convivencia, relación social e descubrimento do entorno inmediato, realizando un traballo conxunto entre o ámbito escolar, a familia e o entorno físico".
Ferreiro explicou que o Concello realiza un investimento anual superior a 1.5 millóns de euros para o mantemento das escolas, "desde o Concello de Lugo realizamos un gran esforzo para cumprir cunha competencia, a educación infantil de 0 a 3 anos, que é da Xunta de Galiza", e engadiu "seguiremos a realizar un gran esforzo económico e administrativo para dar este servizo ás familias, mentres agardamos a que a Xunta se faga cargo das súas competencias e xestione directamente estas escolas".