A DEPUTADA DO BNG, QUE ESTIVO ACOMPAÑADA POR REPRESENTANTES DO BNG EN BECERREÁ, ANUNCIOU QUE PRESENTARÁ UNHA INICIATIVA NO PARLAMENTO GALEGO
O BNG demandará no Parlamento Galego o arranxo do tramo da estrada Becerreá - Sarria
Olalla Rodil visitou o tramo de Becerreá e sinalou “non é normal nin a pasividade da Xunta nin a inacción do concello de Becerreá para demandar o arranxo desta estrada”
Becerreá, 8 de febreiro de 2019. A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, visitou a estrada LU-636 que une Becerreá con Sarria. A deputada do BNG, que estivo acompañada por representantes do BNG en Becerreá, anunciou que presentará unha iniciativa no Parlamento Galego para solicitar “o arranxo e ampliación do tramo da estrada que está situado no termo municipal de Becerreá”. A parlamentaria do BNG non deixou pasar de largo a falta de actuación dende o concello de Becerreá sobre esta estrada e sinalou “non é normal nin a pasividade da Xunta nin a inacción do concello de Becerreá para demandar o arranxo desta estrada”.
A estrada ten arranxados os tramos nos concellos de Sarria, Láncara e Baralla pero o tramo do concello de Becerreá “está no mesmo estado que fai 40 anos”. Rodil lembrou que “esta estrada é a comunicación perfecta da comarca de Sarria coa autovía A-6 e tamén serve para unir dúas da vilas con máis vitalidade como son Sarria e Becerreá”. Rodil apuntou “dase a paradoxa de que nesta estrada se fan ampliacións das curvas para que pasen o camións coas palas dos aeroxeneradores, pero non se arranxa o tramo máis perigoso e conflictivo que o que pertence ao termo municipal de Becerreá”.
Olalla Rodil visitou a zona cos que foran ediles e cabezas de lista do BNG en Becerrá, Ovidio Montaña e Sabela Pérez. Ámbos lembraron a cantidade de accidentes que houbo neste tramo da LU-636 pola súa perigosidade “a gran cantidade de curvas e o mal estado do firme converten esta estrada nunha das máis perigosas do concello”. Rodil dixo que “o BNG vai defender os intereses das veciñas e veciños de Becerreá e presentaremos iniciativas en todas as institucións para mellorar esta estrada” .