TINO DÍAZ: “ NON PEDIMOS PRIVILEXIOS, PEDIMOS XUSTIZA PARA BALEIRA XA QUE A EQUIPA DE GOBERNO NON O FAI”

O BNG denuncia que este Baleira non conta para a Xunta de Galiza

Olalla orzamentos
Olalla orzamentos

Tino Díaz: “ Non pedimos privilexios, pedimos xustiza para Baleira xa que a equipa de goberno non o fai”

 

O BNG denuncia que este Baleira non conta para a Xunta de Galiza

 

Baleira, 1 de decembro de 2025. – O BNG de Baleira, a través do seu grupo parlamentar, vén de presentar dúas emendas aos Orzamentos da Xunta de Galiza para 2026 co obxectivo de dar resposta a dúas necesidades urxentes para a veciñanza: a recollida dos plásticos agrícolas e a mellora da seguridade viaria na rotonda da LU-530 coa LU-750.

A primeira das emendas solicita a creación dun programa estable de financiamento para campañas anuais de recollida de plásticos agrícolas, coa posta en marcha de puntos de acopio e o transporte dos residuos até xestores autorizados, en coordinación coa Consellería do Medio Rural e cos concellos. O obxectivo é garantir unha correcta xestión dos filmes de ensilado, plásticos de invernadoiro e outros residuos do sector primario.

O concelleiro nacionalista Tino Díaz lembrou que “até o ano 2017 a Xunta mantiña un programa específico de recollida de plásticos agrícolas, que foi eliminado sen ofrecer ningunha alternativa real, deixando aos concellos rurais abandonados”. Segundo explicou, “as consecuencias están á vista: acumulación de residuos nos puntos limpos, queimas ilegais, transportes incontrolados e unha sobrecarga económica insoportable para concellos pequenos como o noso”.

A segunda emenda propón a execución dun proxecto integral para mellorar a seguridade viaria na rotonda e intersección destas dúas estradas, considerada un punto negro do tráfico no concello. A iniciativa inclúe recuperar a caída natural rebaixando a altura para facilitar o acceso e o xiro dos camións, a instalación de pasos de peóns e o reforzo da sinalización vertical e horizontal.

Neste sentido, Tino Díaz advertiu de que “estamos a falar dun punto con moito tráfico, onde se producen situacións de risco diario tanto para condutores como para peóns”, e subliñou que “é inaceptábel que a Xunta siga mirando para outro lado cando falamos de seguridade viaria e de protección da vida das persoas”.

Desde o BNG de Baleira insisten en que estas emendas non responden a caprichos políticos, senón a problemas reais do territorio. “Falamos de medio ambiente, de saúde pública e de seguridade. Son cuestións básicas para garantir unha mínima calidade de vida no rural”, conclúe o concelleiro.

Ademais, desde o BNG denuncian que os Orzamentos da Xunta para 2026 non recollen ningunha inversión directa para o concello, o que supón, na práctica, un novo ninguneo político á veciñanza de Baleira. “É unha mostra máis do desprezo cos pequenos concellos do rural, aos que se invisibiliza ano tras ano sen incluír nin unha soa actuación”, sinalou Tino Díaz, quen criticou que “mentres outros municipios si reciben partidas concretas, Baleira volve quedar fóra de toda planificación”.

O BNG denuncia que este Baleira non conta para a Xunta de Galiza