IRIA CASTRO “TEMOS EXPERIENCIA NO DESLEIXO PATRIMONIAL POR PARTE DO PARTIDO POPULAR E DA XUNTA DE GALIZA, PERO DESDE O BNG TENDEMOS A MAN A ESTE GOBERNO MUNICIPAL PARA POÑER EN VALOR ESTE BEN PATRIMONIAL”

O BNG de Castroverde pide aclaracións sobre o convenio, asinado polo concello, da torre do castelo

Iria Castro “Temos experiencia no desleixo patrimonial por parte do Partido Popular e da Xunta de Galiza, pero desde o BNG tendemos a man a este goberno municipal para poñer en valor este ben patrimonial”
O BNG de Castroverde pide aclaracións sobre o convenio, asinado polo concello, da torre do castelo

 



Castroverde, 27 de novembro de 2025.– O Bloque Nacionalista Galego de Castroverde valorou positivamente a sinatura do recente convenio que permitirá que a torre do castelo pase, por fin, a dominio público, pero advertiu de importantes eivas no documento e da ausencia total de planificación para a súa recuperación e posta en valor.

A concelleira do BNG, Iria Castro, sinalou que “o primeiro que queremos é parabenizar ao goberno municipal por dar este paso, que chega nada menos que 19 anos despois da sinatura dos primeiros convenios cos herdeiros, e que permite avanzar na recuperación dun elemento patrimonial clave para o noso concello”.

Porén, Iria Castro advertiu de que o BNG detecta “partes moi vagas e pouco explicadas no convenio que deben ser aclaradas”. En concreto, sinalou que non quedan definidas con precisión as dimensións reais da doazón, xa que no artigo II se fala da torre exterior, do lenzo da muralla e da recuperación da contorna, mentres que no artigo V se amplía a referencia a “castelo de Castroverde e parcelas vinculadas directa ou indirectamente ao mesmo”. “Así, non sabemos exactamente que se está doando nin cal é o alcance real desta cesión”, denunciou.

Outro dos puntos que máis preocupa ao BNG é a cláusula de indemnización ao cedente no caso de que no futuro se autoricen usos terciarios, como actividades hostaleiras. Segundo explicou a concelleira, “non lembramos que esta cláusula aparecese nos convenios asinados con outros herdeiros, polo que preguntamos por que a este si e ao resto non, e por que se introduce agora unha condición tan pouco habitual neste tipo de doazóns”.

Ademais, o BNG lembrou que este convenio está asinado desde o mes de outubro e que, a día de hoxe, non existe ningunha partida orzamentaria destinada á consolidación, estudo ou posta en valor do castelo. “Isto lévanos a preguntarnos para que quere o goberno municipal a torre do castelo se non ten previsto facer absolutamente nada con ela”, afirmou Iria Castro, quen instou ao Concello a comezar de inmediato a traballar en plans reais de recuperación, protección e uso cultural do monumento.


Por último, a concelleira nacionalista quixo deixar constancia da vontade de colaboración do BNG, malia a falta de compromiso histórico do PP coa protección do patrimonio. “Temos experiencia no desleixo patrimonial por parte do Partido Popular e da Xunta de Galiza, pero desde o BNG tendemos a man a este goberno municipal”, sinalou.


Nese sentido, Iria Castro fixo un ofrecemento concreto: “Como deputada provincial do BNG que forma parte do goberno da Deputación de Lugo, ofrézome a estudar a posible colaboración económica da área de Cultura para a posible posta en valor da torre do castelo. O patrimonio non pode seguir abandonado nin convertido nun simple titular”
 


Desde o BNG de Castroverde reiteran que a recuperación do castelo debe ser unha prioridade estratéxica para o concello, tanto pola súa importancia histórica como polo seu potencial cultural e turístico.

O BNG de Castroverde pide aclaracións sobre o convenio, asinado polo concello, da torre do castelo