O RESPONSÁBEL LOCAL, EMILIO LÓPEZ, SINALOU QUE “A XUNTA DE GALIZA DESENTENDESE DOS SERVIZOS SOCIAIS MENTRES AFOGA AOS CONCELLOS ”
O BNG de Samos denuncia o abandono da Xunta de Galiza aos servizos sociais no rural
O responsábel local, Emilio López, sinalou que “a Xunta de Galiza desentendese dos servizos sociais mentres afoga aos concellos ”
Samos, 2 de decembro de 2025. – O BNG de Samos denuncia o abandono absoluto dos servizos sociais por parte da Xunta de Galiza despois de denegar unha subvención de 40.000 euros destinada ás vivendas comunitarias, un recurso esencial para a atención ás persoas maiores do concello.
“O que está a facer a Xunta é directamente desentenderse das súas propias responsabilidades, cargando sobre os concellos uns custes que non lles corresponden”, denunciou o responsábel local, Emilio López. Lembrou ademais que a atención social é unha competencia da Xunta, polo que resulta “inxusto e insostíbel” que sexa o Concello quen teña que asumir en solitario uns gastos cada vez maiores.
Desde o BNG cualifican esta decisión como un novo golpe ao rural e ás persoas maiores, nun concello como Samos, cunha poboación envellecida e con grandes necesidades de atención social. “A Xunta non só non reforza os servizos, senón que retira o apoio económico para mantelos, poñendo en risco a súa continuidade”, advertiu López.
Esta decisión encaixa, segundo o BNG, cos orzamentos da Xunta para 2026, que volven demostrar o abandono do goberno do Partido Popular aos concellos rurais. “Son uns orzamentos de propaganda, sen respostas reais para a veciñanza de Samos”, criticou o responsable nacionalista.
O BNG lembra que o Concello está a facer un esforzo económico enorme para manter as vivendas comunitarias, un servizo esencial para garantir unha vida digna ás persoas maiores. “A Xunta non pode seguir mirando para outro lado mentres os concellos asumen gastos que non lles corresponden. Isto é unha asfixia económica calculada”, subliñan.
Finalmente, Emilio López anunciou que o BNG presentou emendas aos orzamentos da Xunta para reclamar os fondos necesarios e esixiu que o goberno galego asuma dunha vez por todas as súas competencias en materia de servizos sociais. “Samos non pode seguir pagando o abandono da Xunta. O rural tamén ten dereitos”, concluíu.