O PP VOTOU EN CONTRA DE INICIAR ACCIÓNS LEGAIS CONTRA AS PERSOAS DENUNCIADAS POR UN FRAUDE NA TRAÍDA DA AUGA
O BNG di que "o PP da outra vez as costas á veciñanza de Castroverde como tantas veces"
O PP votou en contra de iniciar accións legais contra as persoas denunciadas por un fraude na traída da auga
Castroverde, 26 de setembro 2025. Dende o BNG de Castroverde lamentamos profundamente que o Partido Popular votara en contra de iniciar accións xudiciais contra dúas persoas que, segundo os informes técnicos, cometeron un fraude de captación ilegal de auga da traída e deixaron case sen auga durante o mes de agosto a todo o núcleo da Frairía.
Este voto non é unha simple discrepancia política, é un acto de complicidade cos presuntos defraudadores. O PP elixe mirar cara outro lado fronte a unhas prácticas que prexudican directamente á veciñanza e que malgastan recursos públicos que pertencen á cidadanía.
Iria Castro resalta que "cando prometemos o noso cargo público prometemos defender á veciñanza e loitar polos seus intereses e o PP prefire protexer sospeitosos e tapar un escándalo, ademais de lanzar unha mensaxe perigosa: que se pode defraudar o público sen consecuencias".
Dende o BNG defendemos con firmeza que se abra esta vía legal e se son culpables, que se enfronten ás consecuencias dos seus actos, non imos permitir que se faga un uso indebido dun servizo público tan esencial. A auga é un dereito básico e non se pode xogar co abastecemento.