PILAR BELLÓN: "ESTA LEI SUPÓN UN GRAVE RETROCESO PARA A PROTECCIÓN DO PATRIMONIO NUN CONCELLO COMO O CORGO”

O BNG do Corgo alerta de que a Lei de Patrimonio provoca unha grave desprotección do patrimonio no rural

Pilar Bellón: "Esta lei supón un grave retroceso para a protección do patrimonio nun concello como O Corgo”
O BNG do Corgo alerta de que a Lei de Patrimonio provoca unha grave desprotección do patrimonio no rural

 

O Corgo, 1 de febreiro de 2026– O BNG do Corgo vén de presentar unha moción no Concello para denunciar a desprotección que supón a actual Lei de Patrimonio Cultural de Galiza para concellos como O Corgo, cun patrimonio histórico, arquitectónico e etnográfico amplo e disperso polo territorio.

A portavoz municipal do BNG, Pilar Bellón, advertiu de que “esta lei supón un grave retroceso para a protección do patrimonio nun concello como O Corgo”, ao descargar responsabilidades nos concellos sen dotación económica nin medios técnicos suficientes por parte da Xunta de Galiza.

Segundo explicou Bellón, coa modificación da lei a Xunta xustifica que se pretende axilizar expedientes sen depender da administración autonómica, pero a realidade é que isto obrigaría os concellos a contratar arqueólogos ou persoal técnico especializado, algo que na maioría dos casos non vai ser posíbel. “Outros concellos terán que asumir no seu orzamento custos de persoal para competencias impropias, algo totalmente inasumíbel”, denunciou.

Desde o BNG alertan tamén de que esta situación provocará unha aplicación desigual da norma, xa que cada concello terá o seu propio criterio. “Cada concello vai facer o que lle pete, sen un marco común nin garantías técnicas”, afirmou a concelleira nacionalista. A nova lei permite que os concellos autoricen intervencións en bens protexidos —agás nos BIC—, abrindo a porta a actuacións sen supervisión técnica especializada.

Bellón advertiu ademais de que tamén pode producirse a falta total de actuacións por medo ou incapacidade técnica, o que levará a que moitos bens acaben derrubándose por abandono. “Vanse dar licenzas sen a supervisión dun técnico ou técnica especializada, ou directamente non se actuará, deixando que o patrimonio caia”, subliñou.

O BNG considera que esta lei non reforza a protección do patrimonio, especialmente no rural, senón que facilita o seu deterioro progresivo. Por iso, a moción presentada insta á Xunta de Galiza a revisar a normativa e a asumir as súas responsabilidades, garantindo recursos, persoal técnico e unha protección real do patrimonio histórico dos concellos.

“O patrimonio é unha riqueza colectiva e unha parte esencial da nosa identidade, non unha carga que se lle poida trasladar aos concellos sen medios”, concluíu Pilar Bellón.

O BNG do Corgo alerta de que a Lei de Patrimonio provoca unha grave desprotección do patrimonio no rural