O BNG entregará as sinaturas da campaña Lugo quere tren no ministerio de Mobilidade, en Madrid
Rubén Arroxo e Felipe Rivas desprazaranse ata Madrid para entregar as sinaturas no Congreso
O BNG recolleu sinaturas para reclamar “a mellora dos servizos ferroviarios, con conexións útiles para a veciñanza de Lugo”
Lugo, 06 de xuño 2022. O Portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, xunto co responsábel Local da formación, Felipe Rivas, desprazaranse mañá ata Madrid para entregar as sinaturas da campaña Lugo Quere Tren, recollidas entre os meses de novembro e maio. Rubén Arroxo afirmou que “nestes meses achegamos as nosas propostas e recibimos o apoio da veciñanza para poñer a Lugo no mapa dos servizos ferroviarios, rematando con anos de recortes e eliminacións de conexións e frecuencias”.
O BNG iniciou a campaña Lugo quere tren! cunha concentración diante da estación de Ferrocarril no pasado mes de novembro. Durante a campaña participaron, nas distintas actividades, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o deputado nacionalista no congreso do estado, Néstor Rego.
Rubén Arroxo afirmou que “é preciso dotar Galiza de servizos ferroviarios dignos, con conexións interiores útiles pensadas para conectar ás galegas e galegos”.
O BNG defende o ferrocarril como o medio de transporte do futuro, apostando pola transición enerxética e a mobilidade sostible. Arroxo afirmou que “a chegada do AVE a Galiza só supuxo que agora sexa máis rápido ir en tren de Lugo a Madrid que de Lugo a Compostela”.
Entre as reclamacións do BNG para Lugo Contémplase a posta en marcha da variante de Parga sen dividir a vila, a conexión coa zona norte da provincia, e a creación dun novo treito entre Curtis e Ordes que permita a conexión directa por ferrocarril entre Lugo e Compostela.
“Lugo é a única cidade de Galiza que non ten conexión directa por tren coa capital do país, un agravio que se resolvería cunha obra de 27 quilómetros”, afirmou o portavoz nacionalista.