O BNG esixe axilidade para que se repare o burato, de grandes dimensións, da rúa río Landro na Cheda
Rubén Arroxo informou que “non é normal que unha avaría dunha tubaria que se produciu o 3 de abril continúe impedindo o acceso a unha vivenda”
Lugo, 15 de abril de 2019. O candidato do BNG á alcaldía, Rubén Arroxo, denunciou a lentitude coa que está a actuar o concello de Lugo no barrio da Cheda “hai un burato e un afundimento da beirarrúa que impiden o acceso a unha vivenda e, tamén, impide o acceso a un baixo”. Arroxo pediu “axilidade para resolver os problemas que verdadeiramente lle afecta ás veciñas e veciños”. Arroxo dixo que “xa denunciamos en anteriores ocasións a falta de eficacia na resolución política dos asuntos relativos ao servizo de augas e imos traballar para que no caso da Cheda se dea unha solución rápida”.
Rubén Arroxo indicou que “a principios do mes de abril produciuse unha importante fuga de auga na rede de abastecemento, solucionouse a fuga pero non se repuxo o pavimento na rúa río Landro” ademais “a funga de auga produciu afundimentos de beirarrúa noutra zona da rúa e tampouco se lle deu solución”. Arroxo demandou “que o concello se faga cargo, canto antes, de facer as reparacións necesarias para que as veciñas e veciños da Cheda non teñan que sufrir as consecuencias da lentitude administrativa do concello”.