BNG ESIXIRÁ NO PLENO DA DEPUTACIÓN A DESTITUCIÓN DE G. CAPÓN COMO ALCALDE DE BARALLA E DEPUTADO

BNG ESIXIRÁ NO PLENO DA DEPUTACIÓN A DESTITUCIÓN DE G. CAPÓN COMO ALCALDE DE BARALLA E DEPUTADO

“Esta iniciativa responde á vontade de conseguir que o PP rache dunha vez por todas co Franquismo, algo que non ten feito aínda nesta Deputación” – explicou Mario Outeiro

Os nacionalistas queren converter o pleno do 24 de setembro nun acto de xustiza e dignidade honrando a memoria daqueles e daquelas que padeceron o terror franquista por defenderen unha sociedade xusta, igualitaria e democrática

Lugo, 12 de setembro de 2013. O Grupo Provincial do Bloque Nacionalista Galego rexistrou na mañá de hoxe unha moción para o seu debate polo Pleno da Deputación de Lugo onde solicita que o mesmo inste ao Presidente do Partido Popular de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, e ao Presidente do Partido Popular de Lugo, Xosé Manuel Barreiro, a que procedan a destituír de todos os seus cargos públicos, é dicir, como alcalde de Baralla e deputado provincial, a Manuel González Capón así como que exprese a condena unánime da Corporación Provincial á represión franquista na provincia de Lugo á par que demanda a rehabilitación social e institucional das vítimas do franquismo nesta Provincia.

Segundo indicou Mario Outeiro, Portavoz do Grupo Provincial do Bloque Nacionalista Galego, “esta iniciativa responde á tripla vontade de conseguir que o Partido Popular rache dunha vez, pase páxina, en relación co franquismo algo que non ten feito aínda nesta Deputación, como quedou patente no momento de retirar diversas institucións honoríficas a persoas e organizacións ligadas ao réxime franquista. Pero tamén con esta proposta pretendemos que o PP se reconcilie coa democracia, que pida perdón ás vítimas do franquismo, posto que transcorridos xa máis de 35 anos da aprobación da Constitución aínda desde esta forza política non se escoitou a palabra perdón destinada aos lugueses asasinados e represaliados pola ditadura. E xa por último, agardamos que esta moción provoque unha reacción de humanidade no PP e en definitiva proceda a desautorizar a unha persoa, neste caso o alcalde de Baralla, que xustificou sen ningún rubor o asasinato e a morte como xeito de facer política. Isto é, alén do autor das palabras trátase de saber se no panorama político galego alguén dá por bo este tipo de facer político”.

O Portavoz do Grupo Provincial do Bloque Nacionalista Galego lembrou que “hai 8000 mil razóns para seguir a defender a democracia nas terras de Lugo, 8000 razóns para seguir a loitar por unha sociedade de iguais, 8000 razóns para seguir a demandar unha Galiza dona dos seus destinos. Son 8000 razóns fillas da barbarie, que teñen nome de cuneta, paseo, paredón, cadea, xuízo inxusto, desterro, multa, consello de guerra, razóns polas que aínda segue a sangrar a Galiza e os galegos e galegas que aspiramos a que nós e o noso poden ser outra cousa. Queremos logo, homenaxear nos nomes dos represaliados da cidade de Lugo a todas as vítimas da barbarie fascista, a canto home e muller desde as Terras de Lemos, até as chairas que rodean a cidade amurallada, pasando polas costas da Mariña, soñaron e morreron por ese mundo mellor do que nos aspiramos a ser ferreiros”.

O vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, afirmou que “ é a nosa vontade facer do Pleno do próximo dia 24 un acto de xustiza e de dignidade, honrando a memoria daqueles e daquelas que padeceron o terror franquista por defenderen unha sociedade xusta, igualitaria e democrática, isto é a participar da rehabilitación social e institucional das vítimas do franquismo. Queremos sacar á luz a listaxe dos nomes da dignidade. Os nomes dos homes e das mulleres lugueses que padeceron asasinato ou represión por defenderen a causa da democracia e das liberdades republicanas. Con elas acaba o golpe de estado de 1936, a feroz represión que o acompaña, a guerra civil que provoca e a ditadura que se instaura como consecuencia da vitoria franquista. Chegou a hora de que volvan a entrar no Pazo de San Marcos, o vello edifico que nas horas tráxicas de 1936 acolleu os Consellos de Guerra, as vítimas,  porque  cando entran en conflito as memorias dos vencidos e as dos vencedores, por definición sempre trunfan as destes últimos”.

O vicepresidente da Deputación, referiuse, “a Corporación Provincial segue a ter unha débeda cos preto de 8000 lugueses que sufriron a represión e o terror por defender o proxecto de reforma social e nacional que representou a II República. Aquel Lugo republicano, obreiro, culto, laico vermello e soberanista a día de hoxe só recibiu a homenaxe da sociedade sen que por parte das institucións se procedese a facer xesto para preciso rehabilitar aos homes e as mulleres que fixeron posíbel aquel período. Alén das siglas, das organizacións partidarias, sociais e sindicais, por riba das posicións ideolóxicas diverxentes, é hora de abrir a porta de San Marcos de par en par aos Vega Barrera, aos Tizón Herreros, aos Ramos, aos Lamas, aos Díaz Villamil, aos Cerdeiras. As Comarcas de Lugo de norte a sur e de leste a oeste transformado nun grande cemiterio, cemiterio laico, onde ficou enterrada a conciencia de clase dos ferroviarios de Monforte e dos mineiros de Viveiro e da Pontenova, cemiterio civil, onde ficou aparcado aquel saber e aquela cultura que a forza de propia foi quen de estar na vangarda, a cultura do Ateneo Popular, a de Fole, Martínez López, Lamas, Anxel Johan ou Manteiga, cemiterio, ás máis das veces fosa común, onde ficou o exemplo, o patrimonio de cultura democrática e o saber que eliminou, a besta, o Atila en Galiza do noso Castelao”.

BNG ESIXIRÁ NO PLENO DA DEPUTACIÓN A DESTITUCIÓN DE G. CAPÓN COMO ALCALDE DE BARALLA E DEPUTADO