O BNG finaliza a campaña pola sanidade pública da localidade
A organización recolleu sinaturas á veciñanza para reclamar melloras no servizo do centro de saúde e PAC de Vilalba
Mónica García, responsábel local do BNG “o Bloque puxo en marcha esta campaña para exixir á Xunta de Galiza que dote o noso centro de saúde como se merece”
Vilalba, 14 de xuño 2022.- O Bloque Nacionalista Galego en Vilalba deu por rematada a súa campaña pola recuperación dos servizos sanitarios no centro médico e PAC da localidade. Polo que este servizo sanitario tamén dá servizo a Xermade, Muras, Cospeito e Abadín.
A organización iniciou esta campaña a primeiros de marzo de 2022, no que desenvolveu unha recollida de sinaturas na que se solicita á Consellería de Sanidade: a dotación total das prazas de persoal facultativo coas que conta o centro de saúde e PAC de Vilalba, a restitución urxente do servizo de pediatría e, por último, a dotación de recursos materiais suficientes para garantir o pleno funcionamento do centro de saúde e PAC de Vilalba.
A responsábel local do BNG en Vilalba, Mónica García, declarou “contamos con menos persoal médico de familia do que deberiamos e ademais sen un especialista en pediatría, esta situación non se pode tolerar”
Mónica García explicou “o BNG puxo en marcha esta campaña para exixir que se dote o noso centro de saúde como se merece, temos o dereito a contar cunha atención primaria digna”
O BNG defende blindar a atención primaria e rematar coas discriminacións e desigualdades que se veñen detectando neste servizo desde o inicio da pandemia