Rubén Arroxo e Maite Ferreiro acoden ao I Encontro de Novas Voces, organizado dentro da iniciativa Enredando co Galego
Maite Ferreiro: ”trátase dunha oportunidade única para que as rapazas e rapaces poidan coñecer a escritoras e escritores galegos de recoñecida traxectoria”
A segunda edición do Enredando co Galego rematará este xoves cunha gala final no Auditorio Municipal Gustavo Freire
Lugo, 13 de xuño de 2022. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo e a Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, asistiron ao I Encontro de Novas Voces, organizado pola AELG e a área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua dentro da segunda edición do ciclo Enredando co Galego. Maite Ferreiro destacou que “este encontro é unha oportunidade única para que as rapazas e rapaces participantes poidan ter unha xornada de convivio con escritoras e escritores galegos de recoñecida traxectoria”.
O encontro contou coa participación das e dos estudantes participantes no Enredando co Galego na modalidade de creación literaria. Durante todo o día, mantiveron encontros con Xesús Fraga, Premio Nacional de Literatura, e con Yolanda Castaño, unha das poetas con máis traxectoria internacional dentro do ámbito galego e estatal.
O obxectivo deste Encontro é que que as rapazas e rapaces participantes poidan coñecer a dúas das escritoras en lingua galega máis destacadas do panorama actual, aprendendo sobre o proceso de escrita e creación para o que poidan incorporalo á súa actividade literaria.
Maite Ferreiro destacou a importancia do ciclo Enredando co Galego, como "un punto de encontro para que o estudantado de Lugo poida intercambiar opinións, establecer novos lazos e coñecer a persoas coas súas mesmas inquedanzas, ao mesmo tempo que acadan unha mellor competencia en galego e fan chegar a nosa lingua a lugares nos que moitas rapazas e rapaces non contaron con ela".