A Xunta de Goberno aprobará mañá as bases para os postos do Gastroarte e as atraccións do Recinto Feiral do San Froilán 2022
Maite Ferreiro: ”continuamos traballando no San Froilán deste ano, a volta da gran festa do outono galego despois de dúas edicións con restriccións sanitarias”
As adxudicacións de ambos espazos realizaranse para os anos 2022 e 2023, e serán prorrogables para o 2024
Lugo, 13 de xuño de 2022. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que a Xunta de Goberno aprobará mañá as bases que rexeran as concesións do recinto feiral e do Gastroarte para o ano 2022. “Desde a área de Cultura continuamos a traballar na nova edición do San Froilán, que este mes de outubro volverá ser a gran festa do outono galego, despois de dúas edicións marcadas polas restriccións sanitarias derivadas da pandemia”.
O Goberno de Lugo aprobará mañá as bases para instalar 139 postos no Recinto Feiral, que se repartirán entre as Costas do Parque, a avenida Rodríguez Mourelo, a rúa García Portela e o fondo da Praza Maior. Adxudicaranse 25 atraccións, entre xogos de azar, espectáculos, carruseis e xogos de habilidade, que se repartirán entre as Costas do Parque, a avenida Rodríguez Mourelo e a rúa García Portela, que tamén acollerán a instalación de 10 postos de alimentación. O recinto feiral acollerá tamén a instalación de 104 postos e stands de venta, distribuídos entre o fondo da Praza Maior e o resto de rúas do Feiral. Os prezos de partida da adxudicación variarán entre os 121,23€ das mesas de venta máis pequenas (1,5 x 1 metro) ata os 29.841,30€ do carrusel máis grande, ubicado no Pavillón dos Deportes, e cunha extensión de 90x16 metros.
As bases do GastroArte permitirán colocar un máximo de 32 postos na feira ubicada na rúa Puro Cora. “O obxectivo desta feira é recuperar o ambiente da tradicional feira de San Froián, orixe das actuais festas, abrindo a participación dos postos de artesanía e gastronomía galegas”, explicou Maite Ferreiro.
Cada un dos postos terá un tamaño de 3x2x2,90 metros, e terán un prezo de saída de 704,63€. Só se poderán presentar postos de artesanía, puntos de venta de productos elaborados de forma artesanal, aberto á participación de artesáns e obradoiros de artesanía, e de gastronomía, postos destinados á venta de productos gastronómicos elaborados con materias primas de calidade, reservados a productores que conten con algún distintivo de calidade diferenciada (denominacións de orixe, indicacións xeográficas protexidas, certificacións de producción ecolóxica, etc.), entre os que se destacan productores de viños, augardentes e licores tradicionais, queixos e mel, productos cárnicos, agricultura ecolóxica, productos de orixe vexetal, panadería e repostería e alimentos artesáns, tanto de orixe agraria como da pesca, do marisqueo ou da acuicultura.