O BNG FORMABA PARTE DO GOBERNO BIPARTITO DO CONCELLO DE LUGO ENTRE OS ANO 1999 E 2003 CANDO SE ACADOU A DISTINCIÓN
O BNG lamenta que a Xunta rompa a unidade institucional para celebrar o aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade
Para o BNG “Ignorase a quen tivo papel principal no traballo previo á consecución do nomeamento do monumento como Patrimonio da Humanidade”
Lugo, 1 de decembro de 2017. A edil do BNG, Maite Ferreiro, lamentou que este ano a Xunta de Galiza rompese a unidade institucional e promovese pola súa conta unha xornada “que pouco aporta” para celebrar “con tintes partidistas” o aniversarios da consecución do título de Patrimonio da Humanidade para a Muralla de Lugo. Para o BNG “Ignorase a quen tivo papel principal no traballo previo á consecución do nomeamento do monumento como Patrimonio da Humanidade” e Maite Ferreiro referiuse concretamente ás figuras de Adolfo de Abel e Felipe Árias que tiveron, naquel momento, un papel fundamental na consecución deste recoñecemento internacional para a Muralla de Lugo.
Maite Ferreiro asegurou que “O acto do sr. Balseiro queda reducido á presenza de representantes do PP e do PSOE, e trata de ocultar o traballo feito polo BNG que fixo un importante traballo en todos os ámbitos institucionais e políticas para que a Muralla tivese o recoñecemento que merecía dende principios dos anos noventa”. Ferreiro lembrou que o BNG formaba parte do goberno bipartito do concello de Lugo entre os ano 1999 e 2004 cando se acadou a distinción, sendo Branca Rodríguez Pazos, Fernando Blanco e Ignacio Rodríguez Eguibar concelleiros das áreas dende as que se impulsaron os trámites para acadar o galardón.
“A organización dos actos promovidos pola Xunta de Galiza responde únicamente ás ansias de protagonismo do sr. Balseiro e ao seu descoñecemento da historia recente da cidade de Lugo” dixo Maite Ferreiro que engadiu “empobrece a imaxe da Xunta como institución que se programen, de costas ao resto da sociedade, unha charla na que unicamente falarán representantes do PP e do PSOE e a un paseo pola muralla sen contido algún”. A edil do BNG pediu “criterio, rigor e responsabilidade” a quen ostenta a representación do Goberno Galego na nosa provincia. A edil do BNG aproveitou para recomendarlle ao sr. Balseiro a lectura do libro sobre a Muralla de Lugo do cal foi autor Adolfo de Abel Vilela “no que se reflicte con exactitude como foi o proceso e os actores principais para acadar a consecución do título de Patrimonio da Humanidade para a Muralla de Lugo”.