O BNG leva ao Parlamento a inquietude dun grupo de docentes do IES Trapero Pardo de Castro de Rei

O BNG leva ao Parlamento a inquietude dun grupo de docentes do IES Trapero Pardo de Castro de Rei

CosmeO constante recorte de medios humáns e materiais por parte do goberno da Xunta provocou unha importante diminución da calidade educativa no IES Trapero Pardo

Cosme Pombo dixo que “estes recortes aínda afectan máis aos centros situados no entorno rural e impide garantir a igualdade de oportunidades para alumnado”

Lugo, 23 de marzo de 2016. O BNG, a través do deputado Cosme Pombo, levará ao Parlamento Galego unha iniciativa para clarificar as intencións do goberno da Xunta de Galiza sobre a oferta educativa no IES Trapero Pardo. A iniciativa do BNG está motivada por un escrito remitido por un grupo de docentes do centro no que se denuncia que, no presente curso, hai estudantes que non puideron cursar materias optativas en Cuarto de ESO e máis en Bacharelato, habendo alumnado suficiente para formar grupo, por falla de profesorado.

A diminución da calidade educativa que recibe o alumnado está motivada, segundo explicou Cosme Pombo, pola non implantación da F.P. Básica, pola diminución de materias optativas, pola deficiente atención ao alumnado con dificultades de aprendizaxe, pola redución de horario de apertura da biblioteca escolar e aulas de informática, pola dificultade para atender ao alumnado que utiliza o transporte escolar e pola imposibilidade de levar a cabo o mantemento de equipos e instalacións do centro. Todas estas situacións foron motivadas polos recortes orzamentarios e de persoal impostos polo goberno da Xunta de Galiza.

Tamén sinalou o parlamentario nacionalista que “os recortes orzamentarios son os responsábeis de que o centro non puidera ofertar a FP básica, malia que había un grupo suficiente de alumnos interesados na mesma”. O Grupo Parlamentar do BNG comparte a denuncia e preocupación do profesorado do centro e da comunidade educativa, diante duns recortes que repercuten tan negativamente na oferta de materias por parte deste IES e mesmo provocan a ausencia da oferta da FP básica na comarca.

O BNG entende que a Consellería de Educación debería de primar a oferta e a calidade do ensino público fronte aos recortes orzamentarios e de profesorado e sinala, Cosme Pombo, que “non é de recibo a política de recortes continuados no ensino público porque se está a xogar coa educación e co dereito fundamental a recibir unha educación de calidade, tamén no noso Rural”.

O BNG leva ao Parlamento a inquietude dun grupo de docentes do IES Trapero Pardo de Castro de Rei