PARA O BNG “É INACEPTABLE QUE SE USEN RECURSOS DE XUNTA PARA PROMOVER ESTE TIPO DE ACTOS TRATANDO DUN XEITO TOTALMENTE BANAL O TEMA DA VIOLENCIA DE XÉNERO”

O BNG levará ao Parlamento as “excursións con cocido” coas que se anunciou un acto contra violencia de xénero

26907705_762434343952321_1694860738280436950_n

Anuncios en papel oficial da Xunta promovían unha “excursión” con “breve charla sobre violencia de xénero, xantar con callos e terneira asada, e visita a un centro comercial”

O BNG levará ao Parlamento as “excursións con cocido” coas que se anunciou un acto contra violencia de xénero

Lugo, 23 de xaneiro 2018. A parlamentaria do BNG por Lugo, Olalla Rodil, presentará unha iniciativa no Parlamento Galego para que se aclare cal é a implicación da Xunta de Galiza na promoción do acto da Federación Veciña Lucense que tivo lugar no edificio administrativa da Xunta en Lugo o pasado 20 de xaneiro e no que participaron altos cargos do goberno galego. “Desde o BNG pediremos ao Goberno galego no Parlamento que explique como poden rematar fondos públicos e campañas institucionais destinadas a previr e combater a violencia machista convertidas en anuncios publicitarios para visitar centros comerciais e xantar callos” dixo Rodil.

Para o BNG é absolutamente inadmisíbel que o logotipo da Delegación da Xunta en Lugo e a imaxe institucional da campaña dirixida a previr a violencia machista no ámbito veciñal remate anunciando unha "breve charla", un menú e unha visita a un centro comercial. “No BNG queremos saber cantos cartos se destinaron a financiar esta actividade, que parte do 'pack' corre a conta do Goberno e se a Xunta obriga a veciñanza das localidades e comarcas a se desprazar até a cidade de Lugo para visionar un filme sobre violencia machista en vez de aproximar os materiais e as campañas que promove á poboación” afirmou a parlamentaria do BNG.

Así mesmo, o BNG preguntará pola opinión que lle merece á Xunta que as súas políticas rematen promovendo excursións e se este é o obxectivo da campaña de prevención da violencia machista no ámbito veciñal que anuncian a bombo e prato. Desde o BNG lembran que estamos a falar dun dos maiores problemas políticos que temos a día de hoxe. "Non se pode trivializar a violencia machista nin promover excursións veciñais para visitar centros comerciais con ela" concluíu Rodil.

O BNG levará ao Parlamento as “excursións con cocido” coas que se anunciou un acto contra violencia de xénero