OUTRA DAS PROPOSTAS DO BNG É A CREACIÓN DUN CENTRO DE ATENCIÓN SOCIO-SANITARIA TEMPORAL PARA PERSOAS QUE NON PRECISAN ESTAR HOSPITALIZADAS
O BNG mantén a proposta de crear un PAC e un centro de saúde no edificio da Residencia
“Deciden en Madrid o que necesitamos en Lugo, e nós sabemos que precisamos solución para a saturación do PAC de Fingoi e do centro de saúde da Milagrosa” dixo Olalla Rodil
Lugo, 6 de febreiro de 2017. A parlamentaria do BNG por Lugo, Olalla Rodil, saíu hoxe ao paso da proposta única de construción dunha comisaria de policía no edificio da Residencia que está a ser defendida por diferentes forzas políticas. Olalla Rodil lembrou que “o BNG mantén a proposta de crear un PAC e un centro de saúde no edificio da Residencia” e engadiu que “outra das propostas do BNG é a creación dun centro de atención socio-sanitaria temporal para persoas que non precisan estar hospitalizadas”. Rodil explicou que “son, cada vez máis, as persoas maiores que viven soas e que despois dun tempo de hospitalización teñen que voltar soas para a súa casa e precisarían dun centro donde fosen atendidas ata a súa total recuperación”.
“Deciden en Madrid o que necesitamos en Lugo, e nós sabemos que precisamos solución para a saturación do PAC de Fingoi e do centro de saúde da Milagrosa” dixo Olalla Rodil que amosou a súa extraneza por que “nin o goberno da Xunta, nin o goberno municipal de Lugo se están a pronunciar sobre decisión que se toman nos despachos de Madrid e se trasladan aos lucenses a través da prensa”. Rodil lembrou que “o PP nunca quixo facer nada por este edificio nin por este barrio e agora mantense a única proposta que non é a que dará solución aos problemas dos lucenses, e tampouco se explica cales son os planes para o resto de edificios do complexo”.
En referencia á situación de abandono do edificio da residencia, Rodil dixo que “as nosas propostas para este edificio son claras” e apuntou que “esta zona da cidade precisa, claramente, dun P.A.C. para mellorar as prestacións sanitarias dos veciños e veciñas” e sinalou que o Bloque Nacionalista Galego apoia dende o comezo as demandas dos veciños e veciñas da zona e leva presentadas infinidade de inciativas nas diferentes administración en defensa do uso socio-sanitario das instalacións e edificios do vello Hospital Xeral. Así, en setembro de 2010, en abril de 2011 e en outubro de 2011, conseguiuse que o Pleno do Concello aprobara as diferentes propostas do BNG pedindo unha revitalización social e económica deste barrio, afectado polo traslado dos servizos sanitarios ao Novo Hospital.