BRAIS VÁZQUEZ "MONTERROSO RECIBIRÁ 0€ DUNHAS AXUDAS MOI NECESARIAS PARA A MELLORA DO SEU PARQUE EMPRESARIAL"
O BNG de Monterroso lamenta que unha vez máis se perdan subvencións por desidia do goberno do PP
Brais Vázquez "Monterroso recibirá 0€ dunhas axudas moi necesarias para a mellora do seu parque empresarial"
Monterroso, 7 de novembro de 2023.- O pasado xoves día 2 de novembro saíron publicadas no DOG as axudas, que asigna a Consellería de Industria ós Concellos solicitantes, encamiñadas á habilitación e mellora dos parques empresariais.
Concellos como Agolada (120.000 euros), Castro de Rei (14.000 euros), Cervo (40.000 euros), Saviñao (55.000 euros) e os nosos veciños de Palas de Rei (30.000 euros) recibirán axudas para diversos conceptos de actuación nos seus parques.
"Nos últimos 5 anos, Monterroso só recibiu unha pequena axuda, no ano 2021, para pintar marcas viarias. O resto dos anos a cantidade recibida en axudas da Xunta de Galicia foi de 0 euros" recalca o concelleiro nacionalista.
Este ano, volvemos a quedar fóra destas axudas, que poderían subvencionar accións como a mellora dos servizos e o acondicionamento de infraestruturas existentes, a implantación de melloras na iluminación pública que sexan eficientes dende o punto de vista enerxético, xestión de residuos e a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia dentro do parque empresarial, algo demandado xa no pasado polos nosos empresarios.
"Cremos que a aposta pola industria e a empresa en Monterroso debe traducirse en diñeiro e, se seguimos deixando pasar as axudas, o noso parque non medrará por moitas palabras baleiras que lle dediquemos. En 5 anos, 0 inversións" concluíu Brais Vázquez